Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Manuel Delgado Gurriarán naceu en Córgomo o 27 de agosto do 1903. Era fillo de Florencio Delgado Prada e de Consuelo Gurriarán Díaz, sendo el o menor de cinco irmáns. De neno viviu en Córgomo ata os 6 anos en que marcha a Ourense e aos 10 a Palencia. Estuda o bacharelato en Palencia e a carreira de Dereito en Valladolid.

No ano 1928 comeza a traballar como pasante no bufete do avogado Segundo Trincado. Ten 25 anos, intégrase plenamente na vida social, cultural e política da vila organizando as raíces do Partido Galeguista, baixo o apoio decidido do avogado Segundo García, o debuxante Xaime Prada e o poeta Manoel Valcarce. No ano 34 coñece a Castelao e a Bóveda e sae á luz unha escolma de poemas baixo o título de Bebedeira. No ano 1936, ao declararse a sublevación fascista, Florencio fuxiu e pasou á zona republicana para loitar pola restauración das liberdades. En xuño de 1939, canda outros 998 refuxiados políticos españois, colle o camiño do exilio no barco "Ipanema" rumbo a México, onde vai participar activamente en charlas e reunións formando parte de varias sociedades. En 1943 dirixe a edición do Cancioneiro da Loita Galega en colaboración con outros poetas do exilio. Dirixe asemade a revista Saudade que trataba de incorporar a colonia galega á loita pola defensa da patria. No ano 44 foi mandatario polo PG para redactar e negociar o pacto de Galeuzca, en México.

Profesionalmente desempeñou varios oficios: vendedor de fertilizantes, vendedor de calzado, xamóns, roupa e xefe dos laboratorios Queralt Mir. No ano 1944 coñece a Celia, con quen casa e ten cinco fillos. No ano 1951 vai vivir a Guadalajara e no 1953 sae o derradeiro número de Saudade e constitúese o Padroado da Cultura Galega en México, que ten o seu máximo expoñente na revista Vieiros que sae á luz no ano 59 e foi dirixida por Carlos Velo, Luís Soto e o propio Florencio. En 1963 publica na Editorial Galaxia Galicia Infinda, nunha clara conexión do exilio exterior co exilio interior. Volta a Galicia no mes de xullo do ano 1968 -32 anos despois da súa marcha-. Estivo un tempo e volve marchar, mais coa idea decidida dunha volta definitiva.

Volveu no ano 1976 e no verán do 1981 para ser pregoeiro das festas do Cristo; tomar posesión como membro da Real Academia Galega; ser nomeado Membro de Mérito do IEV coa letra V -a primeira da palabra Valdeorras- e ver saír á luz o libro Cantarenas. Regresa a México a finais de ano. No ano 1986 sae do prelo O soño do guieiro en edicións do Castro. Pensaba vir á presentación do libro, mais o 14 de maio do 1987, aos 84 anos de idade, falece en California. As súas cinzas foron trasladadas a Córgomo no mes de xullo dese mesmo ano.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng