Seguridade

Axentes da Policía Local do Barco
Mostrando normas de seguridade viaria aos escolares

Policía Local

As principais funcións que ten encomendadas a Policía Local están recollidas na Lei 2/86 de forzas e corpos de seguridade, na Lei 7/85 reguladora das bases de réxime local e na 1/92 de protección de seguridade cidadá. Unha das funcións máis importantes dun concello é a de resolver os problemas derivados do tráfico viario, o medio ambiente, a seguridade cidadá, os conflitos privados e as situacións de risco ou emerxencia. A solución destes problemas canalízase a través da Policía Local, que, xa que logo, ten entre as súas funcións as seguintes:

Velar polo cumprimento das ordenanzas, bandos e demais disposicións municipais dentro do ámbito da súa competencia.

Ordenar, sinalizar e dirixir o tráfico no núcleo urbano.

Vixiar e protexer os pasos de peóns, nomeadamente nas saídas e entradas aos recintos escolares.

Instruír os atestados correspondentes aos accidentes de tráfico ocorridos dentro do termo municipal.

Instruír os expedientes sancionadores en materia de tráfico.

Prestar auxilio en caso de accidente, catástrofe ou calamidade pública, participando nas tarefas de Protección Civil.

Previr a comisión de actos delituosos, mediante unha efectiva vixilancia das rúas, prazas e lugares do municipio.

Cooperar na resolución de conflitos privados cando sexa requirida para isto.

Vixiar e custodiar os edificios e instalacións municipais.

Realizar informes de convivencia, de solicitudes de pasaxe permanente (vaos) e ocupación da vía pública, localización e precinto de vehículos, actividades industriais, etcétera.

Auxiliar a Policía Xudicial.

Ademais destas funcións propias do servizo, dende a Policía Local realízanse ao cabo do ano actividades de educación viaria para os escolares do municipio.

Na actualidade, o cadro de persoal da Policía Local do Barco está composto por un sarxento, dous cabos e 14 axentes. Os medios móbiles con que conta son dous coches patrulla, un todoterreo, un vehículo para outros servizos e mais unha motocicleta.

Enderezo: rúa dos Muíños, 1. Tel. 988 322 939. Móbil: 616 402 880

Protección Civil

Protección Civil é un servizo público no que na súa organización, funcionamento e execución participan as administracións locais e autonómica, así como os cidadáns, mediante a prestación da súa colaboración voluntaria. A acción do grupo de Protección Civil do Barco oriéntase ao estudo e a prevención das situacións de risco, catástrofe ou calamidade pública nas que poida perigar a integridade física das persoas, e á protección e o socorro destas nos casos en que estas situacións se produzan. Actúa especialmente en casos de incendios e salvamento. Realiza diversas actividades informativas sobre primeiros auxilios e emerxencias dirixidas a diversos colectivos e aos centros escolares. Colabora, igualmente, en cantas actividades lúdicas e deportivas se desenvolven no concello e requiren a súa presenza.

Enderezo: Urbanización A Cerámica. Tel. 616 402 882

Parque de Bombeiros

O parque de bombeiros de Valdeorras está situado na zona das Pedreiras, no concello da Rúa. Atende os nove concellos da comarca de Valdeorras: A Rúa, Petín, Larouco, O Barco, Vilamartín, O Bolo, A Veiga e Carballeda. Intervén anualmente nunha media de 150 emerxencias, principalmente de accidentes de tráfico e incendios urbanos. Comezou a funcionar en 2002 e está xestionado por un consorcio que neste momento preside o alcalde de Larouco, Joaquín Bautista.

Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeorras.
Enderezo: As Pedreiras, s/n. A Rúa de Valdeorras. Tel: 988 336022. Fax: 988 336094
Correo-e: x.ccvaldeorras@eidolocal.es

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng