dd Concello do Barco : O TLO abre a temporada con Dúas donas que bailan de Teatro do Atlántico

O TLO abre a temporada con Dúas donas que bailan de Teatro do Atlántico

27.09.19 08:46

O próximo venres, 4 de outubro (21h) o TLO abrirá o pano a esta peza que transita polas duras paisaxes que conforman a sociedade contemporánea: a soidade na vellez, o desencontro xeracional, a especulación inmobiliaria, o Alzeimer, o suicidio, a violencia no fogar; a amizade, os soños da infancia….. Todo adubiado cun humor malvado que un mestre como Benet i Jornet manexa doadamente.

Dúas donas que bailan é unha traxicomedia de J.M. Benet i Jornet (Barcelona, 1940) producida por Teatro do Atlántico e representada por María Barcala e María Ángeles Iglesias baixo a dirección de Xúlio Lago.

A sabedoría de Benet i Jornet, grande mestre da dramaturxia contemporánea, aparece de maneira espléndida, unha vez máis, en Dúas donas que bailan. Neste novo agasallo teatral o autor comparte o drama, os soños e os fracasos das súas complexas personaxes nunha viaxe intensa, brutalmente divertida, conmovedora, plena de beleza dramática e iluminada pola inmensa humanidade que dúas mulleres agochan baixo a férrea armadura de ironía e dureza coa que intentan defenderse dos implacables embates da sociedade insensible e cruel na que lles tocou habitar.

Unha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París, resístese a abandonar o esfarelado piso no que habita, malia as presións dos fillos e tamén da axencia propietaria do inmoble. Todos eles teñen outros plans para a vivenda. A filla, en tanto non consegue que a nai mude de actitude, contrata unha muller para que vaia facer os labores domésticos na casa dúas veces por semana. A muller contratada é unha profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo. O seu carácter contestatario é parello ao da vella, outrora unha muller rebelde e activista. A presenza da contratada non é ben recibida e cada xornada convértese nun inquietante e por veces traxicómico enfrontamento.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng