Lois Pérez, poesía e humor no ciclo De Perto

02.07.19 11:03

O poeta, dramaturgo e narrador oral Lois Pérez estará o mércores 3 de xullo no ciclo De Perto, ás 20h30 na Casa Grande de Viloira, no xardín, presentando unha sesión variada na que non ha faltar a poesía, o humor, os contos e o rock.

Lois Pérez (Lugo, 1979) deuse a coñecer como escritor ao obter en 2008 un dos premios de Teatro Radiofónico da Radio Galega, organizado polo programa Diario Cultural, coa obra Saltimbanqui. A obra foi posteriormente dirixida e adaptada para a escena por Quico Cadaval, e foi interpretada por Cadaval, Xan Cejudo e Xosé Manuel Olveira "Pico". Ten publicado os poemarios LP (2013, Emerxente) e

Long Play (2017, Xerais). Colabora con diversas organizacións sociais e asistenciais, e ten traballado de maneira voluntaria e profesional para medios radiofónicos.

Lois Pérez é contrabandista de historias e narrador oral, humorista, cronista de rock and roll, poeta e dramaturgo. Comezou a contar subido a unha caixa de cervexa e ten actuado en escolas de idiomas, institutos, universidades, presentacións de novelas, teatros, bares, cárceres, museos, feiras do libro e demais antros de perdición e desenfreo. No seu contar conflúen a tradición oral, o humor, a gargallada, os sucedidos que escoitou, a narración, o rock, a alta literatura, as baixas paixóns (que ás veces son as máis altas!) e se ten o día, aínda a poesía. Coma Alberti, Lois Pérez anda confundido: non sabe se rascar o reloxo ou dárlle corda ao cú. Venceremos, pero non sabemos cando!

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng