Con tres espectáculos para toda a familia finaliza o ano teatral no Barco

21.12.18 10:20

O venres 28 Elefante Elegante presenta Patapatúm, o sábado 29 o mago Cayetano Lledó traerá Le Cirque e o domingo 30 de decembro virá o Apalpador da man da Trastenda dos contos. Será sempre ás 19 horas para nenos e nenas de todas as idades, para despedir o ano con arte e alegría.

Patapatúm é a reflexión do Elefante Elegante sobre o tempo, a crianza e como enchemos os baleiros das nosas ausencias. Patapatúm é un espectáculo de teatro visual sen palabras para público infantil e familiar a partir de 3 anos. Cunha banda sonora inspirada na música dixieland, a máscara e o xogo físico propician un universo cómico que viaxa dende o realismo ata a hipérbole da nosa vida cotiá.

Con Cayetano Lledó o espectador adéntrase no fabuloso mundo do circo baixo a visión fresca e renovada do home que revolucionou as artes circenses fusionadas coa maxia, Monsieur Lafayette. Unha invitación a sumerxirse no misterio e na maxia, cun espectáculo aclamado por multitudes de todo o mundo; a entrar no mundo dun heroe da escena moderna, que rescatou o cabaret para facelos emerxer con máis forza que nunca. Benvido ao circo!

O Apalpador é un personaxe mítico da tradición galega que estivo a piques de desaparecer, pero do que aínda quedan testemuños na zona do Courel e dos Ancares. Neste espectáculo de A Trastenda dos contos recibimos a súa visita para que nos conte quen é, cal é a súa orixe, a que se dedica no seu día a día...e o que é máis importante, que consellos temos que seguir para que cando nos visite nos deixe unha presada de castañas e algún dos agasallos que el mesmo constrúe. Un personaxe entrañable que nos fará pasar sesenta minutos cheos de maxia.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng