Tanxarina presenta este venres A galiña azul
Sobre o conto de Carlos Casares Tanxarina constrúe un magnífico espectáculo de títeres e actores sobre a tolerancia, con dirección de Cándido Pazó. Este venres, 9 de novembro, ás 20h no TLO para nenos e nenas de todas as idades.
A Galiña azul foi Premio Fetén 2018 ao mellor espectáculo de títeres e o María Casares 2018 ao mellor espectáculo infantil. Os intérpretes e manipuladores son Andrés Giráldez, Miguel Borines e Eduardo R. Cunha "Tatán".
“Lourenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita. Unha galiña moi bonita e moi rara. Pon ovos de cores. Ademais non di cacaracá como as outras galiñas, senón que di cocorocó. E isto ten preocupadas as autoridades.”
A Galiña Azul é un espectáculo que fala da diversidade e da solidariedade, destinado ao público infantil e familiar, no que empregamos diversas técnicas de manipulación de bonecos e traballo actoral.
O texto de C. Casares, pedra angular da literatura infantil galega, cobra nova vida neste espectáculo que recolle catro contos do orixinal do autor, nunha diivertida adaptación.