A Coral de Ruada ofrecerá un concerto no TLO este venres
Dentro do programa "Concertos da Ourensanía", patrocinado pola Deputación de Ourense, a Coral De Ruada ofrecerá este venres, 24 de novembro (21h) no TLO un concerto de música popular e polifónica galega.
Xabier Prado Rodríguez “Lameiro”, Virxilio Fernández González, Xulio Prieto Nespereira, Fabriciano Iglesias Abella e Cesáreo Eire Santalla reúnense nunha casa da avenida de Zamora, propiedade deste último e chamada “Villa Joaquina”, para fundar o CORO DE RUADA. Era o 5 de outubro de 1918.
Pouco despois constitúese a primeira Xunta de Goberno que estaría formada por José Sabucedo Morales (Presidente), Modesto Fernández Román (Vicepresidente), Antonio Saco y Arce (Tesoureiro), Arturo Fernández Magdalena (Secretario) e Xabier Prado Rodríguez “Lameiro”, Arturo Macías, Vicente Martínez Risco e Luís Fernández Pérez “Xesta” (Vocais).
A primeiros de 1919 comezan os ensaios baixo a dirección de Daniel González Rodríguez, que procedía do Orfeón. Tamén comeza os ensaios o cadro de declamación.
O debut ten lugar o día 24 de xuño de 1919, día de San Xoán, no Salón Apolo de Ourense, acadando un grande éxito.