O ciclo De Perto presenta esta semana a Cándido Pazó e Vero Rilo

11.07.17 11:12

O martes día 11 estará Cándido Pazó na Casa Grande (Xardín) con "Como cho conto", o venres 14, á mesma hora, Vero Rilo na Beira do Sil do Malecón con "Lavandeiras". É o 5º ciclo De Perto que chega ao seu ecuador.

"Como cho conto..." de Cándido Pazó é un espectáculo de narración oral, unha sesión de contos na que se van enfiando historias, anécdotas, lerias... de creación propria, as veces baseadas na tradición oral, ou ben na literatura axeitada á oralidade.

Nunha mistura entre o narrador e o xogral da palabra, entre o charlatán de feira e o cómico, as historias de cada sesión escóllense e réxense sobre a marcha, dependendo do ambiente, o público concreto, a gana e inspiración do "conteiro", as circunstancias do día...

Un estilo de contar que procura a fronteira entre o culto e o popular, entre a oralidade más coloquial e unha intuitiva e non ensaiada estilización escénica

O oficio das lavandeiras forma parte do noso imaxinario colectivo. As mulleres á beira do río, de xeonllos, fregando a roupa tecen unha estampa que se repetiu ao longo da nosa historia. Ao seu redor, as lendas e os contos arredor deste grupo de mulleres sucédense ao longo da nosa xeografía, tanto física como identitaria. Daboapipa recolle ese patrimonio oral, musícao, dálle forma e agasállallo ao público, descubríndolle os outros relatos que arrodean os lavadoiros. Dende as máxicas e fantasmagóricas lavandeiras enchoupadas en sangue que xurdían da noite traendo malos presaxios até as cancións populares que compoñían de forma colectiva todas estas mulleres. A voz de Vero Rilo e a música de Carlos Quintá enfían estas pezas da nosa historia nun espectáculo único, de diversión e coñecemento, propio para un público adulto con curiosidade polo noso devir como pobo.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng