Guadi Galego presenta no Barco "O mundo está parado"

30.05.17 13:12

O Teatro Lauro Olmo pecha a tempada cun concerto da artista Guadi Galego este venres 2 de xuño ás 21 horas, despois dunha impresionante xira de presentación que a levou por escenarios de toda Galicia, Madrid e Barcelona. As entradas (5€) para este concerto, incluído na Rede de Espazos Culturais de Ourense, pódense obter no portelo do Teatro desde unha hora antes do concerto, e anticipadas en Tonyson.

No ano 2016, ano en que recibe o Premio Martín Códax da Música á mellor artista na categoría de canción de autor, Guadi Galego presenta O mundo está parado (FOL Música, 2016), o seu terceiro álbum en solitario. Dez temas redondos para deter o tempo, con letras que viaxan do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade e a coherencia: seis da súa autoría, tres de Carlos Abal e un de Pachi García, que exerce novamente como produtor musical. O seus directos teñen esa sonoridade envolvente con arrecendo pop, un son que funambula entre a tradición e a vangarda e que acada a súa madurez neste último traballo. Unha presa de cancións sobre a necesidade de parar a sentir, a reflexionar, a respirar, nun mundo que, malia a aparente velocidade e exceso de información, está parado no máis humano.

O primeiro videoclip deste vídeo, “Cedeira”, dirixido polo cineasta Xacio Baño, é candidato ao Premio Mestre Mateo.

A primeira -e limitada- edición de O mundo está parado foi en formato de vinilo. Contén ademáis un formato CD e unha fotografía obra de Carlos Abal, escollida de entre dez instantáneas que o autor seleccionou para este álbum.

Na súa estrea, Guadi Galego estivo arroupada pola súa ampla familia musical: o pianista Abe Rábade e o escritor Anxo Angueira, cos que tiña colaborado fai anos no proxecto Rosalía 21, o multi-instrumentista Anxo Pintos, o acordeonista Santi Cibeiro, o clarinetista Pablo Pascual e outra das grandes voces da música galega, Sonia Lebedynksi. Mención especial merece a colaboración do gaditano Javier Ruibal, un dos músicos e compositores máis respectados do panorama estatal.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng