Xabier Paz presenta este venres Aníbal e a Pintora, a súa última novela

23.05.17 10:55

O escritor Xabier Paz presenta este venres 26 de maio (20h30) na Biblioteca Pública Delgado Gurriarán a súa última novela "Aníbal e a Pintora" (Xerais), unha obra sobre a pintora Artemisa Gentilescchi e o seu mundo. O autor estará acompañado por Xosé Luís Álvarez e Margarida Pizcueta.

Aníbal e a Pintora é unha novela que conta a historia dos devezos de Aníbal Moreda á procura da incerta verdade sobre a vida da pintora Artemisia Gentileschi, artista descuberta a partir dun lenzo atopado en Internet. Un mangado de libros e medio cento de ruíns reproducións de cadros serán os materiais para fundar unha estraña relación que rematará por mirrar o esforzado amador. Un amigo seu recollerá os escritos deixados por Aníbal e tentará elucidar esa relación internándose, tamén el, no impensable sorbedoiro dunha paixón quimérica. Nos papeis de Aníbal, recreados polo seu amigo, un rodopío de personaxes famosos, papas e artistas enchen as páxinas do gran fresco barroco onde se entretecen as artes coas paixóns humanas no epicentro da gran cultura europea do século XVII. Nesa altura, Roma transfórmase en capital do mundo e taller da Cristiandade, ensaiando un nacente dramatismo para alicerzar a punxente piedade da Contrarreforma xesuítica. Triunfan pintores como o Caravaggio e escultores como Bernini, que fascinan a curia. Nese colosal obradoiro nace, e aprende a pintar co seu pai, Artemisia a moza chamada a ser a gran pintora do seu tempo. Orfa de nai aos doce anos, será violada e sufrirá un dilatado e infamante proceso público. Estas esgazaduras cicelarán un temperamento de rara afouteza. A ardencia e a coraxe guiarán a súa vida de artista e muller libre.

Xabier Paz (A Coruña, 1949) reside en Vigo, onde exerceu diversos oficios desde 1980. Doutor en Ciencias Biolóxicas, dedicou boa parte da súa vida á investigación (biólogo pesqueiro) no Centro Oceanográfico de Vigo. Na década de 1980 foi colaborador do Suplemento «As Artes e as Letras» do Faro de Vigo e posteriormente das revistas Sobremesa e Viajes de National Geographic, así como da revista galega de pensamento crítico Inzar Razóns. Como escritor, publicou as novelas Renacer (Xerais, 2008), As vidas de Nito (Xerais, 2013), A galera de Xelmírez (Xerais, 2015) e Aníbal e a Pintora (Xerais, 2017); os poemarios Sedimentos (2001), No canto do mar (2005), Materia de Lucrecio (Xerais, 2006) e Filoxenia do sangue (2006). Tamén é autor do libro Follas do bacallau (Xerais, 2005), que recolle a vida a bordo dos pesqueiros de grande altura.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng