Sudhum Teatro presenta Fraude, unha historia sobre falsificacións

14.11.16 13:33

A compañía madrileña Sudhum representa este venres (21h) Fraude, unha peza documental e de ficción baseada na complicidade entre o cinema e o teatro, arredor da vida do gran flasificador Elmyr de Hori. As entradas (5 euros) estarán á venda desde unha hora antes na billeteira do Teatro.

Sudhum é a compañía residente do Centro Cultural Paco Rabal da Comunidad de Madrid. O seu director é Gustavo del Río Prieto, nacido na Coruña e barquense por parte de nai, que é tamén director da Feria de Teatro de Madrid e presidente da Asociación de Empresas de Artes Escénicas de Madrid (ARTEMAD). Fraude está interpretada por por Manuel García, Denis Gómez, Rebeca Vecino e Albert Suárez.

Fraude está baseada na vida e obra do máis famoso falsificador de cadros do século XX, Elmyr de Hory, un xenio da pintura que estivo fincado en Eivissa os últimos anos da súa vida. Homosexual e xudeu, foi deportado polos nazis e, acabada a guerra, tratou de facer valer a súa mestría como pintor en Paris. Alí descubriu que os seus labores como falsificador reportaríanlle moito máis diñeiro. Percorreu medio mundo e os centos de reproducións que deixou tras de si supuxeron o inicio dunha investigación por parte da FBI: era imposible saber se os cadros eran ou non auténticos? As falsas aparencias, o que é verdade e o que é mentira, a importancia da marca e da procura dunha identidade propia son temas que atravesan a súa vida e a súa morte.

Unha posta en escena onde se explora a complicidade entre os códigos do cinema e os do teatro, unha linguaxe directa e unha proposta comprometida co aquí e o agora serven para seguir facéndonos a pregunta: Que é verdade e que é mentira? Unha visión desde o teatro como o fixo Orson Wells na súa película Fraude desde o cinema.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng