O Fiadeiro presenta no TLO un grandioso espectáculo de danza e música tradiconal

07.11.16 10:15

Un dos mellores espectáculos de baile e música tradiconal que se poden ver é o que ofrece O FIADEIRO. O sábado 12 de novembro ás 20h00 estarán no Teatro Lauro Olmo do Barco presentando un percorrido polas raices da música e a danza de noso, recollida polas catro esquinas da Terra e presentadas como un agasallo para os sentidos. As entradas (5 euros) á venda na billeteira e o xoves e venres de 12 a 14 horas na oficina do Teatro (primeiro andar).

O espectáculo, ideado por Miguel Souto, reúne a un total de cincuenta artistas entre músicos (dirixidos por Rafael Crespo), pandereteiras e pandereteiros (seccións a cargo de Javier Feijoó Chisco) e bailadores (baixo a dirección do propio Souto), no que constitúe un reflexo da ampla variedade de ritmos e xeitos de bailar e tocar existentes en Galicia. Esta variedade ten a súa manifestación incluso no relativo á vestimenta, xa que cada baile conta cun vestiario diferente (baixo a dirección de Begoña Martínez, encargada de vestiario e de estudo e recuperación de traxes e vestimenta tradicional).

O contido do espectáculo está integramente baseado no traballo de campo desenvolvido por todas as bisbarras galegas polos membros da agrupación desde a súa fundación en 1996. Este traballo, xunto coa calidade da posta en escena do material recollido en vilas e aldeas converten ao Grupo para a recollida de bailes, músicas e cantares O Fiadeiro nun dos máis salientables do país no tocante á difusión do folclore.

O espectáculo que a grupación viguesa presenta no TLO está incluído no programa Danza 3 que promove a AGADIC.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng