O CDG recala no Barco con Tartufo de Molière

28.10.16 13:55

O próximo venres 4 de novembro (21h) o Centro Dramático Galego presenta no TLO Tartufo de Jean-Baptiste Poquelin (Molière) dirixido por Carles Alfaro. As entradas (5 euros) estarán á venda desde unha hora antes na billeteira e tamén na oficina do Teatro a partir do día 2 de 9 a 14h.

É unha magnífica ocasión para achegarse a un clásico do teatro universal nunha montaxe espectácular, de gran formato e con dez actores en escena: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres, todo eles ás ordes do director valenciano Carles Alfaro.

Impostores houbo e hai en todas as épocas, dende que o mundo é mundo. Hainos máis inocuos, que se conforman coa impostura dunha determinada pose de cara á sociedade. E hainos máis perniciosos, que non se contentan coa impostura en si mesma e aspiran a satisfacer obxectivos ulteriores por medio dela. Sexan da natureza que sexan: habelos, hainos.

De aí a gran resonancia do texto de Molière nos nosos tempos. Por unha banda, Tartufo, un home que finxe ser alguén que non é para conseguir algo que non lle corresponde. Un home que, de tanto finxir, semella finxir que finxe; é dicir, un impostor que mantén tan ben a súa impostura que abre a paréntese da dúbida razoable con respecto á súa identidade. Por outra banda, as persoas enganadas, aqueles seres que cren cegamente nel. Xorden moitas preguntas en torno a eles: de onde procede a súa fe sen límites?, que clase de carencia perentoria os leva a substituír a percepción da realidade polas visións de Tartufo? Finalmente, os que perciben a obscenidade do finximento, que mesmo son quen de ver máis alá del para descubrir a intención última deste falso devoto. Aparecen novas dúbidas respecto a eles: perseguen desenmascarar o impostor en tanto que impostor ou porque coa súa impostura defende outros intereses distintos aos seus?

 

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng