MANIFESTO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 25 DE NOVEMBRO 2017

23.11.17 13:47

Un ano máis, os Concellos da Comarca de Valdeorras e das comarcas veciñas sumámonos ao chamamento de Nacións Unidas de conmemorar o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres. Queremos con ratificar o noso firme compromiso de rexeitamento da violencia de Xénero. Tamén reiterar a nosa vontade de traballar ata conseguir a súa erradicación, traballando activamente día a día. Porque para acabar coa violencia requírese o compromiso individual e colectivo durante todos os días do ano.

Un ano máis, temos que lembrar a todas e cada unha das vítimas mortais da violencia machista. Mulleres con nomes e apelidos, cunha vida por diante que se foi, truncada por unha violencia cruel exercida pola persoa coa que un día decidiron compartir a súa vida. Recordar tamén, a todos os menores, aos fillos e as fillas dos maltratadores, vítimas á súa vez desta violencia.

Máis de 800 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou ex parellas dende o ano 2003, data que marca o inicio da recompilación de datos oficiais. Tristemente este ano seguimos sumando, e a día de hoxe xa son máis de 45 as asasinadas.

Temos a convición de que a tolerancia cero coa violencia contra as mulleres debe ser un valor, e como tal debe ser defendido pola sociedade no seu conxunto. Os nosos concellos, a nosas comarcas, cada vila, estamos sumando esforzos para difundir o que este día significa. Na nosa comarca, facémolo baixo o lema "Valdeorras en Negro", do mesmo xeito que en moitas outras partes de Galicia.

A loita contra a violencia que se exerce cara ás mulleres debe ser unha prioridade que nos obriga a toda a sociedade no seu conxunto. En primeira instancia, esta prioridade correspóndelle aos gobernos e ás administracións, no marco das súas correspondentes competencias.

As administracións locais son unha peza clave e xogan un papel fundamental na resposta integral contra a violencia de xénero. Como institución máis próxima á cidadanía e ás necesidades sociais. Dende cada concello, avanzamos para erradicala e para garantir a liberdade, a integridade e a seguridade de todas as mulleres.

A súa función na prevención e atención ás vítimas é fundamental. Por iso, é preciso que dispoñan das partidas económicas necesarias para facer fronte a esta obriga, tal e como se precisa no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, recentemente aprobado polo Congreso dos Deputados.

A violencia de xénero diríxese contra as mulleres só polo feito de selo. É unha forma de terrorismo ao que a cidadanía debería responder e non permanecer impasible. É unha terrible secuela social á que todos debemos de facer fronte. Por iso, é fundamental abordar a súa erradicación dende as políticas de igualdade, para favorecer unha cultura da igualdade fronte á cultura da submisión.

É preciso que, dende pequenos, os cidadáns interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes. Xunto coa a loita contra a discriminación por razón de sexo, a igualdade é a base para combater os comportamentos que supoñen o exercicio de calquera forma de violencia contra as mulleres.

Dende as políticas públicas deben adoptarse medidas de sensibilización e prevención e deben estar dirixidas a concienciar e sensibilizar a toda a sociedade sobre o dano que producen a desigualdade e as condutas violentas. E, tamén, a axudar a tomar conciencia sobre a magnitude do problema e as consecuencias que ten para a vida das mulleres e dos seus fillos e fillas.

Non podemos esquecer que a violencia de xénero é un problema que padecen as mulleres, pero que afecta a toda a sociedade. Homes e mulleres teñen que involucrarse e atopar solucións eficaces para a protección das vítimas e a persecución dos autores, pero sobre todo para evitala.

Unha sociedade democrática e en liberdade esixe avanzar cara unha sociedade futura segura e libre de violencia de xénero, que garanta unha resposta efectiva ás mulleres que sofren violencia, xerando e ofrecendo os mecanismos necesarios para conseguilo.

É tempo de por e marcha solucións. Con vontade política e con decisión, debe haber unha resposta firme da sociedade, dos partidos políticos e das institucións fronte á violencia machista.

Chamamos á cidadanía das nosas vilas a se concienciar, a educarse para crer e defender a igualdade entre mulleres e homes como un principio fundamental. Se aspiramos a vivir nunha sociedade libre, debemos avanzar cara a unha sociedade segura e sen violencia de xénero, que garanta unha resposta rápida e efectiva ás mulleres que sofren violencia, así como aos seus fillos e fillas.

 

PORQUE NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NON CABE O SILENCIO, O NOSO COMPROMISO DEBE SER FIRME

FAGAMOS DE VALDEORRAS UN ESPAZO LIBRE DE VIOLENCIA MACHISTA

NIN UNHA MENOS, CO MALTRATO NON HAI TRATO

 

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng