A nosa cultura tradicional, a concurso

23.01.08 11:27

O Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV) convoca o I Concurso de cultura popular Xosé Gayoso Díaz, na memoria do que foi o seu primeiro presidente e gran amante das nosas tradicións e costumes.

O certame vai dirixido a estudantes do segundo ciclo de ensino secundario e de bacharelato, que estean matriculados no curso 2007-08 nalgún centro da comarca de Valdeorras. O tema dos traballos para presentar deberá versar sobre os xogos e diversións, en sentido amplo: bolos tradicionais da terra de Valdeorras, a billarda; xogos infantís antigos; as festas cíclicas como o Magosto, os Reis, o Entroido; romarías e festas do patrón; bailes típicos, etc. En todos os casos deberán constar as fontes (a localidade e os informantes, coa indicación da súa idade).

Os traballos, redactados en lingua galega, terán unha extensión mínima de 10 páxinas e como máximo de 25, incluída a bibliografía e o apartado crítico (non se computará para isto o material gráfico, os debuxos, os planos e outros), en folios DIN A4 e a dobre espazo. Deberanse presentar encadernados, cun índice e a numeración das páxinas, e baixo un lema. Os datos do/da concursante, así como o centro ao que pertence, irán nunha plica ou nun sobre pechado, anexo e grampado ao traballo. Cada persoa ou equipo poderá presentar un único traballo. A decisión do xurado darase a coñecer na primeira quincena do mes de febreiro de 2008 e a entrega de premios farase con posterioridade nun acto público. Establécense os premios primeiro, segundo e terceiro, dotados con 300, 200 e 150 euros, respectivamente, con cadanseu diploma acreditativo e un lote de libros do IEV.

As persoas interesadas en participar deberán remitir os seus traballos á sede do IEV, na praza de Otero Pedrayo, 11 (Casa Grande) Viloira, 32300 O Barco de Valdeorras. O prazo de presentación remata o vindeiro día 31 de xaneiro.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng