Xornadas do IEV sobre Florencio Delgado Gurriarán

22.10.07 08:58

Os próximos días 26 e 27 terán lugar as I Xornadas “Florencio Delgado Gurriarán” que, sobre a vida e a obra do poeta valdeorrés e co gallo do 20 aniversario do seu pasamento, organiza o IEV no Barco e en Córgomo.

O académico Xesús Alonso Montero será o encargado de abrir este ciclo falando de “Florencio D. Gurriarán, poeta na Guerra Civil”. Será o venres 26 ás 20:00 h. no Multiusos. No mesmo acto o cantautor Anxo Rei ofrecerá algunhas cancións do disco “Fronteira de Cigoñas” que fixera con poemas do escritor de Córgomo.

O sábado a xornada comeza cun roteiro en Córgomo, con lectura de poemas e unha ofrenda floral no cemiterio da localidade, todo elo organizado pola Asociación FDG e coordinado pola profesora Elba Delgado Vázquez. Pola tarde ás 18:30 no Multiusos do Barco celebrarase un panel coordinado por Xulio Pérez Veiga e no que tomarán parte os tamén profesores Rafael Adán, Manuel Agra e Rosa Mari González. Finalmente ás 20:00 horas o historiador Ricardo Gurriarán presentará a comunicación “FDG: Unha vida apegada a Valdeorras” e o poeta e crítico literario Miro Villar pechará con “Analise temática da poesía de FDG”. 

Paralelamente poderá visitarse na Galería Sargadelos a exposición “Florencio Delgado Gurriarán: Bebedeira de ensoños” que fora producida polo Concello do Barco e comisariada por Ricargo Gurriarán biógrafo do poeta galeguista.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng