Os Maios, unha festa enxebre e un canto á primavera

27.04.16 11:26

O Barco celebrará Os Maios o próximo día 1 de maio con varias actuacións de mañá e tarde e un mercadiño de artesanía e produtos gastronómicos. Os actos darán comezo ás 11 h. e están organizados pola Concellería de Cultura e Educación en colaboración co Centro Comercial Aberto.

A celebración incorpora este ano dúas novidades: a duración que pasa a ser de todo o día e a inclusión dos Arcos florais no concurso xunto as coplas e os Maios. A xornada comezará cun percorrido dos Maios e Arcos florais dende a avenida Conde de Fenosa (á altura do Hospital) ata a praza do Concello, onde transcorrerán os actos e serán instalados os postos de venda de produtos artesanais e gastronómicos. Os Maios e os Arcos florais quedarán na praza ata que finalice a xornada. A mañá estará amenizada polo grupo Os Bertolini e ás 12h30 serán cantadas as coplas e presentarase o chamado Voto Aberto que patrocina o CCA e no que poderán participar todos os asistentes na elección do mellor Maio depositando o seu voto nunha urna instalada ao efecto.

Pola tarde a partir das 17 horas terá lugar para os máis pequenos A música das árbores, unha proposta de animación infantil e contacontos de Anxo Moure e Servando Barreiro. Ás 18h30 a Agrupación Cultural Candaira de Castrelo do Val ofrecerá unha actuación das súas seccións de música, pandeireteiros e baile galego. A festa rematará coa entrega de premios, prevista para as 19h30, nas distintas modalidades (Coplas, Maios e Arcos florais) e tamén no Voto Aberto do CCA ao mellor Maio.

Os interesados en participar no concurso deberán inscribirse ata o día 30 de abril ás 12 horas no Servizo Municipal de Cultura (Teatro Lauro Olmo, rúa da Estación, 2. O Barco) cubrindo o modelo de solicitude que se lle facilitará. Tamén o poden solicitar por correo electrónico a cultura@concellodobarco.org

Os premios establecidos nas bases da convocatoria son para os Maios de 250 euros o primeiro, 200 o segundo, 150 o terceiro e un accésit de 50 euros para cada un dos restantes presentados a concurso. O premio máximo previsto para as coplas é de 200 euros. No caso dos Arcos florais o premio único será un lote de libros.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng