Teatro do Atlántico presenta este venres O Principio de Arquímedes con cinco María Casares

11.04.16 09:22

O TLO acolle este venres, 15 de abril, ás 21h o espectáculo que recibiu maiores recoñecementos na actual temporada teatral. O Principio de Arquímedes de Josep M. Miró Coromina é unha reflexión sobe unha sociedade que vende medo e seguridade ao mesmo tempo.

O Principio de Arquímedes de Josep M. Miró Coromina e dirección de Xulio Lago foi a gran vencedora nos XX Premios María Casares (cinco): Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (Xúlio Lago), Mellor Actor Protagonista (Toni Salgado), Mellor Actor Secundario (Alberto Rolán) e Mellor Tradución (Alfronso Becerra). Por se fora pouco María Barcala levou o premio Maruxa Villanueva polo seu traballo nesta obra.

Os pais duns rapaces que asisten a uns cursos de natación infantil preséntanlle á directora do Centro as queixas sobre o inadecuado comportamento dun monitor, quen tratando de tranquilizar a un cativo, asustado ao ter que prescindir do “salvavidas” para lanzarse á piscina, abrazouno e deulle un bico, segundo lles contou aos pais unha nena compañeira de cursiño. O adestrador explica que o único que fixo foi intentar calmar a angustia do rapaz e axudalo a tranquilizarse, pero os pais non aceptan esa versión dos feitos e o conflito, lonxe de resolverse, non para de medrar.

Sobre a figura dun adestrador de natación con alumnos infantís, recae a sospeita, manifestada polos pais dos rapaces, de que puidera tratarse dun pederasta. A sospeita –provocada por un feito con tantos argumentos para que sexa fundada como para que sexa absolutamente infundada --, medra pouco a pouco e alimenta o medo, esa sombra negra que, ao que parece, xa se converteu en presenza inevitable na nosa sociedade.

Claro que hai moitas categorías de medo. E aquí estamos a tratar cun medo especialmente perigoso que ten que ver co posible dano que alguén lle poida facer aos nosos fillos. E consecuentemente tamén xogamos coa posible cegueira, coa ofuscación duns pais nos que ese medo elimina, se cadra, a posibilidade de relativizar a sospeita. E a bola medra, e non hai quen a parala; e o monstro do medo desemboca en violencia.

O autor, Josep María Miró, di que “vivimos nunha sociedade que vende medo e seguridade ao mesmo tempo. Unha mestura diabólica que, se cadra, foinos enviada polos americanos, pois é materia que semellan controlar amplamente".

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng