Este venres Os amores de Jacques o fatalista, unha comedia de Denis Diderot

04.04.16 09:16

A compañía Producións Teatrais Excéntricas presenta este venres, 8 de abril, ás 21h e para público adulto Os amores de Jacques o fatalista de Denis Diderot, adaptada e dirixida por Quico Cadaval na liña que caracteriza a súa dramaturxia, da que vimos no TLO hai un par de semanas Bobas&Galegas. Duración:90 minutos. Entrada: 5 euros, prezo único, á venda dende unha hora antes da función.

Os artistas en escena son catro, María Costas, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Piti Sanz, que se multiplicarán no cambio de personaxes, de puntos de vista, de posición no campo, de figura do frívolo xadrez imaxinado pola mente libertaria de Denis Diderot.

Jacques e o seu amo camiñan cara o lugar máis próximo, como fai todo o mundo. Para entreter o camiño, Jacques o fatalista e o seu amo contanse historias, falan da vida e acaban por falar do amor, como fai case todo mundo. Aproveitando que non hai mulleres, permítense dicir cousas das mulleres que non se atreverían a dicir se houbese mulleres diante. Como fan algúns homes. Bastantes.

Este paraíso masculino "estrágase" cando aparece en escena a Pousadeira. Ou cando Jacques e o outro chegan á pousada dela. A Pousadeira é tan falangueira como Jacques e conta contos, fala das cousas da vida e emite asombrosas opinións sobre as mulleres e os homes sen importarlle moito ser escoitada por tres homes. Si, tres, porque ademais de Jacques e o seu amo tamen escoita, atentisimo e calado coma un peto, o marido da Pousadeira.

Estes contos, interrompidos constantemente polos outros, como acontece nas mellores conversas, tentan buscar a diferenza entre o enamoramento e a sedución, entre o sentimento e o instinto, entre a paixón e a violencia, entre o engano e o enxeño, entre o insulto e a liberdade de expresión, entre o nefando pecado do adulterio e a libre circulación de fluidos...en definitiva, sobre os amores. Tamén se tratarán temas importantes como a dominación de clase, a prostitución, a amizade, o roubo, a coraxe, a poesía e o tabaco.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng