Este domingo camiñada cultural pola canle romana do Mondón

29.02.16 13:18

O domingo que vén, 6 de marzo, Camiñadas Culturais, o programa do concello do Barco para coñecer o patrimonio camiñando, organiza unha saída á canle romana do Mondón. Partirá ás 9h30 da Portela de Portomourisco.

Canle do Mondón. Foto: Gustavo Docampo

Canle do Mondón. Foto: Gustavo Docampo

O itinerario sairá da Portela de Portomourisco e transcorre pola canle romana que levaba auga dende o río Xares ata a mina de ouro de Vilanuide (Quiroga), unha espectacular obra da enxeñería romana que conserva numerosas evidencias das súas características construtivas. O arqueólogo Santiago Ferrer Sierra será o encargado de explicar aos asistentes aspectos relacionados coa obra hidráulica romana e a súa funcionalidade dentro do entramado mineiro, desenvolvido naquela altura na conca fluvial do río Sil e os seus afuentes.

O roteiro transcorre case sempre pola propia canle e tras chegar á aldea de Barxa dará a volta para chegar a punto de partida habendo percorrido uns doce quilómetros. Queda para outra camiñada a segunda parte desta canle do Mondón, a que continúa entre Barxa e a presa de Santa Olalla.

Como sempre nas Camiñadas non é preciso inscribirse, é unha actividade gratuita e poderán participar nela toda persoa maior de idade ou menor acompañado que estea ás 9h30 no punto de partida.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng