Mofa&Befa no Século de Ouro español con Bobas&Galegas

29.02.16 09:13

O dúo cómico Mofa&Befa (Evaristo Calvo e Vitor Mosqueira) representa o venres, 4 de marzo (21h) esta comedia escrita e dirixida por Quico Cadaval, baseada en textos de autores da literatura clásica española, onde aflora o enxeño e a picaresca de dous criados vagabundos. As entradas (5 euros) á venda na billeteira do TLO desde unha hora antes.

Aproveitando o seu acento, fanse pasar por criados galegos e desgástanse cinicamente en xenuflexións e reverencias para gañar a simpatía do público. No cárcere adquiriron unha enfermidade de transmisión textual que lles obriga a falar en verso. Tanto lles da a redondilla como o romance, aínda que non lles fan ascos ao agridoce sabor da silva.

¿Cales son as súas armas? Dous fouces de segador que cortan por igual os trigos e os tópicos. Poden transformarse, para lograr os seus fins, en anxos ou demos, cabaleiros ou bufóns, bobas ou galegas.

BOBAS&GALEGAS é un percorrido gozoso polos argumentos, ocupacións, preocupacións e industrias dos criados do século de Ouro, clase social que, de todos os traballadores manuais, foi a que contemplou dende máis cerca o poder, o seu ouropel, a súa erótica e a súa vaidade.

MOFA&BEFA cáense con todo o seu instrumental de pallasos nocturnos nun camiño solitario do século XVII castelán. Servindo a un tópico equivalente ao da aptitude natural dos negros para a danza, o galego demostra un talento natural para a obediencia e o servizo. Isto , que o faría idóneo para a práctica das armas, está beneficamente atenuado pola covardía, virtude que o empuxa ao máis incruento campo do servilismo e a curvatura lumbar.

Cando Mofa&Befa chegan aos áureos pazos de Madrid e Sevilla, fuxindo das guerras e da fame climática da súa terra, só valorados pola súa discreción, o seu descoñecemento do idioma, que ás veces pode parecer idiotez, polo seu cumprimento irreflexivo e amoral das tarefas encomendadas e unha vontade de servir que non sempre resulta utilitaria.

Autor: Quico Cadaval sobre textos de Calderón, Lope, Benavente e Zamora. Dirección: Quico Cadaval. Escenografía e Iluminación: Baltasar Patiño. Elenco Artístico: Mofa & Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira). Duración:90 minutos.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng