Peripécia Teatro presenta "Novecentos, o pianista do Oceano"

15.02.16 10:18

A compañía ibérica Peripécia, con sede en Vila Real, envolve con humor, ironía e música en directo a historia do prodixioso pianista de Novecentos de Alessandro Baricco. Estará o venres 19 de febreiro ás 21h00 no Teatro Lauro Olmo. As entradas á venda unha hora antes da función.

Baseada no texto de Novecentos de A. Baricco (Turín, 1958) está dirixida por Noelia Domínguez e interpretada por Sérgio Agostinho, Anxo Fragua, Luís Filipe Santos e Tiago Abrantes. Idiomas: portugués, italiano e español. Duración: 90 minutos. Foi estreada no Teatro de Vila Real o 14 de setembro de 2007.

Novecentos é o nome do pianista excepcional que nunca saíu do Virginia, o navío que percorría a principios do século XX as rutas de emigrantes e millonarios entre Europa e América. Conta a lenda que a bordo do Virginia había un tipo que co piano facía o que quería; que tocaba unha música estraña, que do piano facía saír notas que non eran normais, que só el era capaz de arrincar; parecía que tiña catro mans, tal era a súa técnica; cando lle apetecía tocaba Jazz, e cando non, tocaba unha cousa que era como dez "jazz" xuntos. Do seu piano saían todas as músicas da terra. Era para quedar pasmado.

En "Novecentos" entran o humor e a poesía envolvidos pola música en directo, onde dous clarinetistas interpretan temas de estilos que van desde o ragtime ao klezmer, pasando pola tradición musical celta, e tamén temas orixinais. Cada actor interpreta varios personaxes, e durante a obra asume a espontaneidade dos contadores de historias, mesturando a ironía dos entertainers e o humor inocente dos clowns.

A través dun texto escrito cunha linguaxe sinxela pero tocante, son abordadas cuestións como a amizade, a beleza e o poder da imaxinación, reflectíndose sobre o noso mundo desde unha perspectiva moi propia e sorprendente.

Peripécia Teatro é unha compañía internacional, con sede en Vila Real (Portugal), fundada en 2004 por dous actores españois e un portugués: Noelia Domínguez, Anxo Fragua e Sérgio Agostinho. Propón a creación de espectáculos orixinais que se sustentan nun traballo de gran disciplina e rigor ao nivel da interpretación do actor que, a par dos textos, desenvolve unha intensa compoñente física e visual, tentando alcanzar unha linguaxe escénica atrainte e universal.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng