O grupo Muxicas representa este venres A visita da vella dama

23.11.15 11:21

O grupo de teatro Muxicas da delegación da ONCE en Ourense presenta este venres, 27 de novembro (21h00) A visita da vella dama, unha traxicomedia baseada no texto do autor suízo Friedrich Dürrenmatt con dramaturxia de Tito Asorey e dirección de Melania Cruz.

A visita da vella dama arranca coa chegada da multimillonaria Clara Zachanassian a Güllen ao pobo da súa infancia, convertido agora nun lugar miserable e decadente. Os seus habitantes, que viven sumidos nunha profunda crise e pasan os días lembrando con nostalxia tempos máis felices, agardan con impaciencia a visita da súa paisana máis ilustre, a quen ven como a salvadora que os rescatará da súa terrible situación.

A obra está interpretada por Mari Carmen Fernández, Severino Pérez, Aída Saíz, Marina Araújo, Paco Rodríguez, Ricardo Rodríguez, Chechu Salgado, Andrea Cid e José Luis Iglesias Pequeño. Coa súa nova montaxe, o grupo de teatro da delegación da ONCE en Ourense dá un paso adiante na súa consolidación tanto no que respecta ao seu número de integrantes como á súa propia liña estética, que vén impulsando desde que en 2009 comezara a funcionar como agrupación artística tras máis dunha década de traballo como taller teatral.

O grupo Muxicas, xunto a outros sete grupos compostos por persoas cegas ou con deficiencia visual apoiados pola ONCE, foi distinguido co Premio Max Aficionado do ano 2013.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng