Sara Marianovich dará un recital de piano este venres no TLO

18.11.15 09:51

Este venres, 20 de novembro (20h00) Sara Marianovich, pianista serbia residente no Barco, ofrecerá no Teatro Lauro Olmo un recital con obras de Mozart, Beethoven, Chopin e Schumann. O acto está organizado pola Concellaría de Cultura e Educación con entrada gratuíta ata completar aforo.

Sara Marianovich nace nunha familia de científicos. Aos oito anos de idade comeza a estudar piano, e aos quince ingresa na Facultade de Música, Universidade de Belgrado (FMU), como a estudante máis nova de todos os tempos, Graduouse co Premio da Universidade de Belas Artes como a mellor estudante na FMU, e co Premio da Fundación Emil Hajek como a pianista nova con maiores perspectivas. Con tan só vinte anos de idade obtén o título Master of Arts e seguidamente ingresa en Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, onde dous anos máis tarde remata coa mellor nota o Curso de Perfeccionamento na interpretación de música española.

Aos doce anos actuou por primeira vez como solista acompañada por orquestra, e aos trece ofreceu o seu primeiro recital en solitario. Actúa como solista, en dúo, e acompañada por orquestras sinfónicas en varios países de Europa e Estados Unidos, realizando tamén diversas gravacións para as emisoras de Radio e Televisión.

Nos seus programas de concerto a música española ocupa un lugar destacado, e en especial a obra integral para piano do mestre Joaquín Rodrigo. Sara Marianovich coñeceu ao compositor e a súa familia no 1992, e no ano 1996 excepcionalmente realizou unha gravación das súas obras para un documental da Televisión RTS, en casa do mestre e na súa presenza. Para Sony Classical realizou no ano 2001, nun dobre CD, a primeira gravación mundial da Obra Integral para piano só de Joaquín Rodrigo.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng