Este venres comeza o IV Ciclo de Teatro Afeccionado Lauro Olmo

29.10.13 10:22

A estrea de “O anel máxico” por Gargallada Teatro (venres 1 novembro, 21h) será o punto de partida do IV Ciclo de Teatro Afeccionado Lauro Olmo, que organizan no Barco Gargallada e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, coa colaboración do concello do Barco.

Gargallada Teatro dá un salto na súa traxectoria con “O anel máxico”, adaptación de “Commedia, un xoguete para Goldoni” de Cándido Pazó que dirixe Manuel Caramés e que estará interpretado por Aurora Fernández, Reyes Limia, Gabriel Prada, Lalo Santos, Fran Fernández, Sol Rodríguez, Nuria Menéndez, José María Rodríguez e Manuel González.

A segunda representación será o sábado 2 de novembro ás 21 horas. O grupo Andaravía de Vedra presentará “República de Gundián” unha montaxe escrita e dirixida por Carlos Santiago en codirección con Pepe Penabade. Trátase dun “sainete futurista”, unha sátira do momento actual mesturando o rexistro cómico deste clásico xénero do teatro pupular coa política ficción.

O venres 8 de novembro ás 21 horas terá lugar a representación de “A rúa do Inferno” de Axóuxere Teatro, de Oleiros, adaptación da obra de Antonio Onetti na que tres empregadas dun supermercado de Sevilla compiten entre elas para facerse co premio dun concurso de sevillanas que ten como condición que os concursantes se presenten en parella. Está dirixido por Alejandro Albaiceta e interpretado por Nanda Tasende, Paula Suárez e Loly González.

“Welcome to Cuntis Ville” de Chumpá Teatro, de Cuntis, será a última das representacións, o sábado 9 de novembro ás 21 horas. Trátase dun wester teatral que foi dirixido por Fran Rei.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng