Xullo e agosto, cultura e lecer no Barco

03.07.08 10:05

O concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, presentou na Comisión de Cultura celebrada este luns un avance do que será o programa cultural dos meses de xullo e agosto. Música, danza e teatro compoñen unha oferta variada na que colaboran Caixanova, a Deputación de Ourense e a Consellería de Medio Ambiente.

O espectáculo Sit de Clownic, un dos pratos fortes do verán.

O espectáculo Sit de Clownic, un dos pratos fortes do verán.

Nos próximos días sairá publicado un díptico para a distribución masiva anunciando estas actividades, a maior parte delas celebraranse en espazos ao aire libre e con entrada gratuíta.  A primeira terá lugar o sábado 12 ás 23h na praza Otero Pedrayo de Viloira, é un concerto do afamado sexteto de música tradicional Pai da Cana, que recrea os ritmos festeiros das vellas charangas coincidindo coa IV Baixada de Carrilanas de Viloira, Campionato Galego e Open de España.

A seguinte cita coa música ten como protagonistas á agrupación músico vocal barquense Son do Sil, dirixida por Moisés Blanco está formación nace a partir da Tuna Airiños do Barco e participou na gravación do CD Valdeorras da Escola de Gaitas do Barco, fixeron a súa presentación en Éntoma o pasado día 23, causando unha moi boa impresión e o venres 18 de xullo, na praza do Concello ás 23 horas, ofrecerán un concerto para o público do Barco. Esta mesma fin de semana Tremiñá vivirá o seu Mercado Medieval que organiza a Asociación de Mulleres Rurais daquela aldea, con grande variedade de propostas lúdicas e de promoción da artesanía.

Os afeccionados aos bailes de salón teñen unha cita o sábado 26 ás 23 h. na praza maior, baixo o título de Baila con nós no Barco distintas parellas de baile da localidade mostrarán as súas habilidades en público, unha exhibición que organizan os participantes nas clases organizadas no Barco por distintas entidades ao longo do ano. E para bailar quen queira, e cada un como poda, o concello convoca un ano máis os Bailes de Verán, nos que participa sobre todo a xente maior, os domingos de xullo e agosto na praza Maior a partir das oito da tarde.

Agosto, mes de festas por excelencia, comeza coa da Virxe da Barca, que inclúe procesión con lanchas e romaría no Salgueiral, organizada pola asociación A Figuiriña-Lanchas do Sil vai ter lugar o domingo 3.

A Axencia Local de Sostibilidade e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible desenvolven unha Fin de semana pola sostibilidade con numerosas actividades, entre as que destaca unha gala lírica con Alejo Amoedo (piano) e Teresa Novoa (soprano) acompañados do coro-obradoiro vocal A Vila, terá lugar o 8 de agosto ás nove da noite no Teatro Lauro Olmo. Dentro desta fin de semana sostible o sábado 9 a partir das 24.30 h. o grupo vigués Jugoplástica e os barquenses de Bukosky Blues Trío ofrecerán unha velada pop no Campo da Festa.

O teatro, ao máis alto nivel, volverá ao TLO o 16 de agosto con Sit, unha ficción sobre a silla e os seus usos creada por Tricicle, que representa Clownic, a segunda compañía da coñecida factoría catalá. Este acto forma parte do convenio do concello do Barco con Caixanova, que incluirá o día 22 (praza do Concello, 23 h) o concerto de The Golden Section, grupo inglés de metais, dirixido por Simon Gunton e formado por solistas da Philharmonia de Londres, da Royal Philharmonic ou da London Symphony Orchestra, entre outras prestixiosas orquestras británicas.

As Xornadas de Folclore, que chegan a súa XXV edición, traerán ao Barco un programa de danzas do mundo con catro grupos, representativos doutros tantos continentes, o mércores 20 de agosto ás 22.30h no campo da Festa. E aquí non se acaba a danza folclórica, o venres 29 na praza do Concello ás 23h fará a súa presentación o Ballet de la Costa de Arxentina.

Os últimos días de agosto son tradicionalmente para o cine, entre o 22 e o 31 a XVIII Semana de Cine do Barco abre as súas portas da man do cine club Groucho Marx, coas últimas novidades producidas no cine de actualidade, cunha sección dedicada ao cine español e outra ao que vai dirixido ao público infantil.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng