Camiñada polo patrimonio asulagado de Viana do Bolo

11.10.17 10:24

O domingo 22 de outubro terá lugar unha nova camiñada cultural. Esta vez será no concello de Viana do Bolo, para contemplar restos de antigas construcións habitualmente cubertos polas augas do encoro, con saída ás 9 horas do restaurante Augas Mansas, na estrada Viana-A Gudiña.

Ponte de Cabo de Vila. Foto: Ramón Domínguez Blanco

Ponte de Cabo de Vila. Foto: Ramón Domínguez Blanco

A severa seca que padecemos deixou ao descuberto unha parte do patrimonio construido que foi asulagado polas augas tras a construción en 1960 da presa do Vao, nos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Valados, socalcos para os cultivos, camiños, estanques, casas, casetas, muiños, presas, pontes (como a medieval de Cabo de Vila) emerxen das augas e poden ser contempladas para evocar a paisaxe e a vida anterior á construción da presa.

A camiñada consta de dous tramos: No primeiro, de algo máis de 8 quilómetros, partiremos ás 9 horas do restaurante Augas Mansas, a uns 5 km de Viana en dirección á Gudiña, para percorrer a cola do encoro seguindo o río Camba ata a altura de San Cibrao, ás portas de Viana, onde contemplaremos os restos do muiño, ponte e outras construcións, de regreso veremos outro muíño, o estribo dunha ponte e outra ponte máis. O segundo tramo farémolo indo en coche pola estrada de Viana a Vilariño ata un punto desde onde camiñaremos pouco máis de quilómetro e medio ata a ponte de Cabo de Vila sobre o río Bibei, magnífica obra medieval de catro arcos e un dos elementos máis salientables do patrimonio cultural da comarca do Bolo.

A participación nas camiñadas está aberta a todas as persoas que o desexen, os menores de idade deberán ir acompañados. Non é preciso a inscrición previa.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng