dd Concello do Barco : Barrobambán presenta Boas Noites este venres no TLO

Barrobambán presenta Boas Noites este venres no TLO

27.03.08 10:05

A compañía compostelá presenta esta montaxe sobre un texto de Paula Carballeira, nominada ao María Casares ao mellor texto orixinal, dirixido ao público familiar, con música en directo e coa participación no elenco da actriz valdeorresa Pilar Alonso. A función dará comezo ás 21 horas.

O espectáculo está dirixido por Jorge Padín, con Manolo Vázquez na composición musical. Está interpretado por Anabell Gago, Paula Carballeira, Manolo Vázquez, Chiqui Pereira e Pilar Alonso. En escena estarán tamén os músicos Vadim Yukhnevich, Begoña Riobo e Pablo Pérez.

Velaquí a sinópse da obra feita pola propia compañía: Para poder durmir ben tes que acabar cos teus medos, iso sábeo de sobra Pedro Chosco, que é quen nos trae o sono cada noite. Xiana, pola contra, só pensa en atopar algo de tempo para xogar. Polo día, o pai e a nai de Xiana queren que a súa filla faga unha chea de cousas, pero pola noite é libre para deixar voar a imaxinación. Cando Xiana topa con Pedro Chosco descubrimos que a noite garda tamén os misterios que non se atreven a asomar á luz do día. Debes ter conta, porque se non dormes, saberás que algo se agocha entre as sombras.

Obra gañadora do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, “Boas Noites” propón unha achega contemporánea a personaxes da mitoloxía popular galega, con boas doses de humor e música.

Paula Carballeira publicou máis de 13 libros para público infantil e xuvenil, algúns deles traducidos a outros idiomas como o inglés ou o coreano. Ademais, algunhas das súas obras foron recoñecidas dentro e fóra do país con premios como o Lecturas, o Premio de editores de Catalunya, o Isaac Díaz Pardo ou a inclusión na lista dos White Ravens.

Berrobambán é a compañía galega con maior traxectoria en teatro infantil de actores e actrices. Desde a súa profesionalización, a compañía presentou os seguintes espectáculos destinados ao público infantil: "Diariamente", en cartel desde o ano 2000, estivo presente nas programacións infantís galegas máis prestixiosas. No ano 2002 participou no XIV ASSITEJ Festival & Congress, celebrado en Seúl, e en 2005 realizou unha exitosa xira con máis de 30 funcións por Canadá. 2001. Estrea o espectáculo musical "Dous contos sen final e un final por fin". 2002. Estrea o concerto "Movementos para trasnos e trastes", en que participaron máis de quince músicos procedentes de diferentes países. No ano 2006 o renovado Centro Dramático Galego encarga a membros de Berrobambán a montaxe dirixida ao público infantil "A cabana de Babaiagá". Ademais, Berrobambán ten aberta unha liña de traballo orientada ao público adulto con obras como "NdC", estreada no ano 2001 a partir de textos de Rodrigo García, ou o espectáculo de cabaret punkarra "Vendetta", estreado no ano 2004. A compañía está comprometida coa promoción da cultura galega e con este obxectivo puxo en marcha a primeira programación estable de teatro familiar en Galicia, chamada "Asteroide B-612", e que se desenvolveu nas cidades de Santiago de Compostela e Ferrol. Así mesmo, a compañía levou adiante Circo-Lar, a programación familiar do proxecto "A cultura circula" no ano 2006.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng