O VI ciclo De Perto comeza este venres cun recital da poeta Olga Novo

20.06.18 10:42

Na Praza do Sagrado o venres 22 de xuño ás 22h30 (se chove será no Teatro Lauro Olmo) a poeta Olga Novo ofrecerá un recital baixo o título "Historia Universal dun lugariño". Novo é unha das voces máis recoñecidas na lírica galega actual, cunha linguaxe próxima ao surrealismo, espírito libertario e sensualidade de raizame telúrica.

Olga Novo nace en 1975 na aldea lucense de Vilarmao (Pobra do Brollón). Licenciada en Filoloxía galego-portuguesa, exerce a docencia no ensino medio. Colaborou en numerosos medios e publicacións literarias especializadas como Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, Moenia, Anuario de estudios galegos, Boletín Galego de Literatura ou Ínsula, entre outras. Como poeta, dáse a coñecer a través de revistas como Clave Orión, Ólisbos, Festa da palabra silenciada ou Dorna. En 1996 publica o seu primeiro poemario, A teta sobre o sol (Ed. Do Dragón; 2ª ed. Letras de Cal, 1999). Co seu segundo libro, Nós nus (Xerais, 1996), é galardoada co premio Losada Diéguez de Creación. En 2004 sae A cousa vermella (Espiral Maior, 2004) e en 2011 Cráter (Toxosoutos).

A súa obra foi recollida en antoloxías como La flama en el espejo (México, 1998), Mulher a fazer vento (Lisboa, 1998), Yo es otro. Autorretratos de la nueva poesía (Madrid, 2001), Diálogos de la lengua (2000) o Spain (Poetry from the Castilian, Catala, Basque and Galician languages) (Atlanta, 2003), entre outras.

Como estudosa da literatura publicou os libros Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (Positivas, 1996) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999). En 2005 viu a luz o seu estudo sobre a poética de Uxío Novoneyra. Lingua loaira (Fundación Caixa Galicia). En 2013 publica Erótica Medieval Galaica (Toxosoutos).

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng