O Barco celebra as Letras Galegas con numerosas actividades

07.05.18 14:20

Co gallo do 17 de maio o Concello do Barco organiza unha semana cultural arredor da creación literaria e o idioma da Terra, lembrando a figura de María Victoria Moreno Márquez.

Neste ano 2018, por acordo da Real Academia Galega, o Día das Letras Galegas estará dedicado a María Victoria Moreno, escritora e profesora pioneira da literatura infantil e xuvenil en lingua galega.

O venres 11 de maio (21h00) no Teatro Lauro Olmo terá lugar a representación teatral de "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos (homenaxe a Mª Victoria Moreno)" a cargo da compañía Matrioshka. Unha obra interpretada por Anabell Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo

O martes 15 de maio (20h30) na Biblioteca Pública Florencio Delgado Gurriarán terá lugar a conferencia "María Victoria Moreno compromiso coa literatura, con Galicia e coa vida" a cargo de Manuel Agra Villar, profesor de lingua e literatura galega xubilado este curso no IES Martaguisela do Barco.

O xoves 17 de maio (20h30) na praza Maior celebrarase A festa das Letras, un espectáculo construído con textos da literatura galega no que participarán varias artistas da comarca, achegando cada unha delas a súa particular forma de interpretar e integrar as letras galegas no seu quefacer. Formarán parte do programa: Manuel Caramés, Reyes Limia, Lalo Santos e Manuel González, do grupo de teatro Gargallada, e os músicos Roma DoVal, SdeRap e Torfy, Jorge Álvarez e Armando Pérez, Xaquín Freixeiro e Mauro Docampo.

O venres 18 maio (21h00) no Teatro Lauro Olmo preséntarase "De abrentes e ocasos" un recital de poesía galega realizado por Teatro do Atlántico. Con María Barcala, Alexandre Lago, Xúlio Lago e Nani García (música) dirixidos por Xúlio Lago. Con recurso á voz, ao corpo e mais á musica, preténdese dar eco á palabra poética (que é como dicir palabra relevante) na lingua na que foi creada; e, compartíndoa deste xeito, abrir un espazo para a comunicación de emoción, reflexión, e beleza.

Finalmente haberá a proxección da película "Dhogs" de Andrés Goteira polo Cine club Groucho Marxo (xoves 17 ás 18h e domingo 20 ás 19h30) e o domingo 20 terá lugar o maratón de lectura da asociación Vagalume a partir das 11 horas na praza Andrés de Prada.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng