Exposición de pinturas de Jesús Díaz Ferrer sobre o Maio do 68 en París

24.04.18 13:38

O próximo luns, 30 de abril, ás 20h30 será inaugurada na Sala Abanca da praza do Príncipe unha mostra do pintor barquense Jesús Díaz Ferrer, falecido o pasado ano e escasamente coñecido na súa vila natal. Poderá visitarse ata o 14 de maio, de 19 a 21 horas todos os días, agás os domingos, e de 12 a 14 horas o 1 de maio e os sábados.

"Crónica de Maio. París 1068" é o título da exposición do pintor Jesús Díaz Ferrer (O Barco, 1922 - Concud. Teruel, 2017) formada por 55 obras en papel e madeira, acrílicos e tintas augadas en cor e branco e negro, coas que o artista, que vivía naquela altura na capital francesa constrúe "unha reportaxe cargada de creatividade e á vez cheo de autenticidade e proximidade" en palabras do historiador da arte e curador da mostra, Luís Enrique Rodríguez Arias.

As revoltas de maio de 1968 foron uns acontecementos cruciais que marcaron toda unha época e que Díaz Ferrer relata coa súa pintura cunha mirada persoal e xenuina. Os debuxos e pinturas que se exporán no Barco son da colección de Micheline Langlois, a viúva do pintor, quen as cedeu para que fosen coñecidas en Galicia. O concello do Barco produciu esta exposición, que coincide co 50 aniversario daqueles acontecementos, para dar a coñecer este artista polifacético e de intensa traxectoria que deixou O Barco aos 17 anos. Viviu en Madrid e París, participando nos movementos de vangarda que impregnan as súas creacións, ata o ano 1981 que regresa a España para instalarse en Teruel.

Para a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, a exposición ten o valor "de ilustrar profusamente un tema non só moi pouco frecuente entre os artistas galegos e españois contemporáneos seus, senón tamén moi pouco tratado pola arte en xeral" ao tempo que permite saber máis dun artista e unha obra "que atopamos, dende hai décadas, entre os grandes nomes e coleccións pictóricas de primeira orde dentro e fóra de Galicia".

 

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng