Love of Lesbian cabeza de cartel do Cristo 2010

03.09.10 11:00

O grupo indie Love of Lesbian abrirá as festas do Cristo cun concerto, gratuito, na praza Andrés de Prada, o venres 10 de setembro a partir das 23h30. Este grupo barcelonés comezou, en 1996, gravando en inglés os seus tres primeiros discos, e son arestora un dos baluartes da música indie en castelán.

Love of Lesbian

Love of Lesbian

Love of Lesbian déronse a coñecer cando compartiron escenario don The Cure, en 2005, e sobre todo a partir da publicación, ese mesmo ano, de "Maniobras de escapismo", o seu primeiro álbum en español. O seu cantante, Santi Balmes, mesmo ten renegado de ter utilizado o inglés nos seus primeiros discos. A banda é unha referencia de culto no panorama do pop-rock indie, xunto a outros ilustres nomes como The Sunday Drivers ou De Luxe, tamén presentes na programación do Cristo dos últimos anos.

A programación do Cristo, dada a coñecer por Eduardo Ojea, concelleiro de Cultura, ofrece seis días de variada oferta festiva para todos os públicos, con eventos de corte máis tradicional xunto a outros que buscan satisfacer ao público mozo. O Campo da Festa será o lugar onde terán lugar os bailes e verbenas, amenizados por importantes orquestras como Sintonía de Vigo ou Philadelphia. A praza Andrés de Prada acollerá concertos e espectáculos como o que xa se mencionou e os de Wisky Viejo, banda na que toca o guitarrista barquense Jorge F. Ojea e que ofrecerá un concerto o sábado día 11 ás doce da noite, o grupo vocal Son do Sil, o día 13, os espectáculos “A outra realidade” do mago Martín Camiña, o domingo 12 ás 20h30, e o Ballet do Exército Cosaco, que actuará para o público do Barco o día 14 a partir das 21 horas. Nesta mesma praza presentarase o último día das festas, o mércores 15, a Banda de música do Barco e colocarase unha placa en referencia ao cabaleiro Andrés de Prada que dá nome a este espazo urbano do centro do Barco.

Noutra orde de cousas o programa inclúe actos para a nostálxia como son o pregón, venres 10 ás 21 h. no Teatro Lauro Olmo, que estará a cargo de Antonio Mosquera e a IV Xuntanza das Pandillas que terá lugar na praza Maior o sábado 11 a partir das 19 horas, contando coa actuación do grupo Os Brothers. Non faltarán os famosos fogos do Cristo que encherán de luces as beiras do Sil o día 14 a partir das 22h30, nin os actos relixiosos, en especial a procesión do Cristo, nin os concertos das Bandas de Música, o Descenso do Sil e outras programacións deportivas e para os pequenos.

Programa completo en pdf.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng