dd Concello do Barco : 23 imaxes do patrimonio valdeorrés

23 imaxes do patrimonio valdeorrés

12.11.08 13:46

Son 23 fotografías, e outras tantas chamadas de atención sobre o patrimonio cultural da comarca, as que compoñen a exposición que se abre o luns na galería Sargadelos, dentro do Outono Fotográfico, organizada polo IEV e a Concellaría de Cultura do Concello do Barco.

Memoria da seitura, 1º premio, de Antonia González

Memoria da seitura, 1º premio, de Antonia González

O patrimonio cultural de Valdeorras é o tema do premio de fotografía Blanco Pascual, que cumpre este ano a súa terceira edición, convocado polo Instituto de Estudos Valdeorreses. As obras premiadas e unha escolla das presentadas serán expostas na galería Sargadelos a partir do luns 17 de novembro e ata o 5 de decembro. Ás 20 horas terá lugar a entrega de premios e a inauguración oficial.

"Memoria da seitura" é o título da serie de Antonia González González de onde saíu o primeiro premio. A fouce e os dedís, usados polos segadores valdeorreses que ían a Castela, evocan os tempos da emigración temporeira da xente do noso agro a través desta reportaxe realizada na aldea de Roblido. O segundo premio recaeu en Margarita Rodríguez Blanco, por unha imaxe da romaría de San Francisco Blanco en Outarelo, na que a autora propón unha reflexión sobre os ritos antigos a o papel da Igrexa na súa transmisión. O terceiro premio é a foto dun espantallo, expresión de enxeño e creatividade popular a piques de desaparecer, captada por Manuel Juan Otero Pérez nunha viña entre Veigamuíños e O Castro. Finalmente o xurado estableceu unha mención de honra compartida para as irmás Berta e Elisa Docampo Gacio por dúas series de imaxes de corredores e galerías realizadas polo seu bisavó, o carpinteiro de Biobra Juan José Pacios Franco (1884-1982) en varias aldeas da Serra da Lastra.

Na exposición poderán verse todas estas fotografías xunto a unha escolla das presentadas polos outros oito concursantes: Ana María Fernández Fernández, Javier Brasa Rodríguez, Estrella Naseiro Rego, Susana Fernández Fernández, Pedro Vidal Gayoso, Manuel Caramés Varela, Eloi Xesús Rodríguez López e François Flores Fernández.

O xurado encargado de outorgar os galardóns estivo presidido polo presidente do IEV, Ángel Fernández Fernández, e formado por Julio Mourelo Fulgueral, Ramón Ragar e Xosé Ramón Castro.

Pode descargar aquí o tríptico-catálogo da exposición coas fotos que a compoñen.

(S.M. de Cultura)

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng