O Ballet Nacional de Colombia o sábado na praza do Concello

29.08.07 10:40

O Ballet Nacional de Colombia (Incolballet de Cali) pechará o Verán Cultural do Barco cunha produción certamente innovadora, alegre e orixinal, que se escenifica a través da forza creadora e o potencial artístico dos seus bailaríns nunha mestura da danza clásico e da popular.

Evocadoras de todo o primixenio, as coreografías do presente espectáculo son excelentes interpretacións da fusión entre os ritmos urbanos, a auténtica salsa caleña, a sensualidade indíxena amazónica, a memoria colonial e os pasos do ballet clásico, base inicial desta Compañía que, dirixida por Gloria Castro, obtén, desde 1978, un merecido prestixio internacional.

Presentada pola UNESCO no devandito ano, representou polo mundo máis de 50 montaxes do máis alto nivel técnico e artístico, o ultimo deles representado na súa visita de 2006 ao Teatro Madrid de Bogotá, onde obtivo un éxito tan sinalado, que permitiu esta súa nova xira española.

A representación, que durará uns 90 minutos, dará comezo ás 23 horas na praza do Concello, con entrada libre.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng