O venres comeza a XVII Semana de Cine do Barco

22.08.07 10:26

O programa foi presentado hoxe aos medios por Xosé María Rodríguez e Luís Nogueira do Cine Club Groucho Marx, organizador do evento, e polo alcalde do Barco, Alfredo García. Os habituais ciclos de cine actual, español e infantil e xuvenil volverán a ocupar a pantalla do TLO dende o venres e ata o 4 de setembro.

Un total de quince películas compoñen o cartel da Semana, cinco por cada ciclo, máis seis curtas cedidas polo CGAI para proxectar antes das películas. A sesión inaugural será o venres ás 22:30 e nela poderase ver Las alas de la vida, de Antoni P. Canet. El niño de barro de Jorge Algora, La soledad de Jaime Rosales, Bajo las estrellas de Félix Vizcarte e Chuecatown de Juan Flahn, completan o ciclo de cine español que ten un marcado acento social.

O filme norteamericano Zodiac de David Fincher abrirá o cilo de actualidade o domingo ás 20:30 h., completan este ciclo a tamén norteamericana Retrato de una obsesión de Steven Shainberg, a mexicana El violín de Francisco Vargas, a francesa Avril de Gerald Hustache-Mathieu e La vida en rosa de Oliver Dahan, unha coprodución francesa, checa e inglesa sobre a vida de Edith Piaf, un dos mitos da canción europea do século XX.

Para o público xuvenil e para os nenos o Cine Club ten programado 300 de Zack Zinder, adaptación ao cine do coñecido cómic de Frank Miller. Érase una vez ... de Paul J. Bolger, Stormbreaker de Geoffrey Sax, Azur e Asmar de Michel Ocelot e Shrek Tercero de Chris Millar. Un ciclo de animación e aventuras que estará partrocinado polo Centro Comercial Aberto.

O presidente do Cine Club, Xosé María Rodríguez explicou as características dos diferentes ciclos, agradeceu ao concello a cesión das instalacións para a celebración das proxeccións e pediulle que inclúa a Semana de Cine dentro dos seus orzamentos para o próximo ano. O alcalde, pola súa parte, salientou o esforzo dos organizadores para ofrecer cine de calidade e manifestou o apoio do concello á Semana.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng