T. do Noroeste presenta Da avaricia, a luxuria e morte de Valle-Inclán

25.03.19 12:12

Dirixida por Eduardo Alonso, con tradución e adaptación de Manuel Guede e un amplo elenco de actores e músicos, Teatro de Noroeste presenta Da avaricia, a luxuria e a morte, sobre tres pezas de Valle-Inclán. O venres 29 de novembro ás 21h. no TLO, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

En escena Luma Gómez, Manuela Varela, Fernando Tato, Imma António, Miguel Pernas, Bernardo Martínez, Xan Casas y Felisa Segade.

De xeito inmenso, certeiro e maxistral, Valle-Inclán trenza nas tres obras que configuran este espectáculo os dous únicos motores que moven o mundo humano, a avaricia e a luxuria co seu inevitable tránsito final: a morte. Da singular e poética; “Ligazón” (auto para siluetas), lívida como o vento, pasando pola americana e patriótica “A cabeza do Bautista” (melodrama para marionetas), tallada en terra, até a espectral e contundente “A rosa de papel” (novela macabra), fraguada no lume, todas elas expresadas nunha tradución que é reposición con aceno de canónica.

En “Ligazón” a avaricia é un colar que enxoia o espertar do desexo erótico máis primario e animal, pero sobre todo é un inmenso e brutal berro de reafirmación da propiedade da muller sobre o seu propio corpo. A confabulación da Raposa e a Venteira non será quen de afogar a ansia de emancipación dunha Moza cos seus obxectivos perfectamente trazados. A noite, a lúa, os cans, delinean un pacto de sangue que conducirá á morte, máis tamén á liberdade. “A moza, cun aceno cruel que lle crispa os labios e lle afía os ollos, dá en se chantar as tesouras na súa man, e entramentres oprime a boca do mozo coa palma ensanguentada.” En “A cabeza do Bautista”, o patriótico indiano retornado fuxindo de xustizas, e despois da boa e incomprendida acción de dotar a un pobo inculto de bar e billares, se reencontra co seu pasado encarnado no fillo da finada, que chega con intencións retortas de recuperar herdanzas e numerarios. O golpe so ten unha saída, e pasa por transportar ao forasteiro á cova. A conseguilo se aplica con esmero a Pepona, que con esa acción quedará irremisiblemente unida ao destino do indiano. Pero no intre final todo se disloca e o que debería ser morte faise vida nun sen remedio. “Os seus ollos toldados, premen, ao fulgor do facón que ergue a estadea amarela de don Igi. A Pepona, desmaiada, sente que se arrefría sobre a súa boca a boca do Jándalo.” En “A rosa de papel” asistimos á agonía dunha traviata desesperada polo seu mal casar e contrariada porque o billetaxe dos seus aforros será malgastado por un mal home borrachón e anarquista. Cando o condenado regresa de encargar os divinos, en descubrindo as carnes brancas da defunta, entre os viños evaporados e os delirios desencaixados, súbenlle ao caletre todos os putrefactos desexos carnais e necrofílicos, pero o lume da fragua vai coller fachendas de redención e acabará con todo. “Simeón Julepe, entre labaradas, abrazado ao cadáver berra frenético. As langrás recúan, aspando os brazos. E toda a fragua adquire reflexos de incendio.”

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng