"Memoria das pequenas cousas" fotografías de Francisco Sandiás "Pancho" no Outono Fotográfico

26.10.12 09:42

O próximo mércores, 31 de outubro, ás 20 h. no Centro Comarcal - Casa de Río Cigüeño terá lugar a apertura do Outono Fotográfico no Barco coa inauguración da exposición "Memoria das pequenas cousas" de Francisco Sandiás "Pancho" (La Habana,1927). Poderá visitarse do 2 ao 30 de novembro en horario de 10 a 14 h. e de 17 a 20 h. de luns a venres.

Son máis de setenta fotografías do Barco e a comarca, realizadas polo autor entre 1959 e 1978, nas que se reflicten distintos aspectos da vida social e os cambios que se produciron tanto na traza urbana como nos costumes da xente. A concellaría de Cultura do Concello do Barco, organizadora da mostra, edita tamén un catálogo con parte da imaxes expostas.

O Pancho é fotógrafo nas horas libres que lle deixa o seu traballo de metalúrxico. De formación autodidacta, a través dun curso por correspondencia, ten o seu centro de gravidade nas Casas Baratas-San Roque, barrio obreiro de nova creación e con grande dinamismo social naquela altura. Escenas da vida e das pequenas cousas, do traballo, dos nenos, de celebracións e dos ambientes máis íntimos e familiares compoñen esta escolma que reflicte con rotundidade o cambio social producido nestas dúas décadas.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng