O 11 de setembro terá lugar a IV Xuntanza das Pandillas do Barco
Por cuarto ano consecutivo, as festas do Cristo inclúen na súa programación esta xuntanza que reúne a persoas que pasaron no Barco a súa infancia e mocidade, que arestora residen fora da comarca, e que volven a encontrarse con aqueles cos que compartiron os mellores anos das súas vidas. Será o sábado 11 de setembro a partir das 19 horas na praza Maior, o escenario máis acaído para a nostalxia.
O encontro deste ano incluirá unha demostración dos xogos que antigamente se practicaban na praza Maior e unha lembranza ao café “Veira Sil”, tan unido a vida social da xente do Barco, desde a súa fundación por Enrique Suárez Brasa, falecido este mesmo ano. O concello do Barco entregaralle aos seus fillos unha placa conmemorativa para que luzan no establecemento.
O concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, salientou o carácter entrañábel desta iniciativa no que toman parte persoas de distintas idades, coas lembranzas xuvenís no Barco como denominador común. Ojea fai un chamamento a todas as pandillas que se queiran sumar a esta viaxe ao tempo no que cada un tivo quince ou vinte anos. Recorda ademais que moitos dos asistentes irán disfrazados con vestidos e complementos da moda imperante naquela altura.
O conxunto músico vocal “Los Iris”, que fixeron furor a finais dos anos sesenta no Barco e arredores, serán os encargados, un ano máis, de subir ao escenario para tocar e cantar as melodías que mellor evocan a vida en común dos anos mozos. A xornada finalizará para a maior parte das pandillas dando conta dunha cea, demorada ata altas horas, cantando, bailando e repasando as mil anécdotas das que foron protagonistas, nun Barco bastante diferente ao actual.