dd Concello do Barco : O CD Barco xógase a permanencia este domingo en Calabagueiros

O CD Barco xógase a permanencia este domingo en Calabagueiros

29.05.09 14:07

Este domingo ás 18 h. terá lugar o encontro que fora suspendido o domingo pasado, por mor do falecemento en accidente dos mozos Iván Sierra e Saúl Calleja, que foran xogadores do clube barquense.

Os do Barco teñen necesariamente que vencer ao seu rival, o Ponte Ourense, os dous están neste momento empatados a 34 puntos, para continuar a tempada próxima na Preferente Autonómica. Con todo e aínda gañando este partido haberá que agardar o resultado da fase de ascenso para saber en que categoría xogará o cadro vermello a tempada próxima.

O encontro dará comezo gardando un minuto de silencio polos mozos Iván Sierra, xogador do equipo xuvenil, e de Saúl Calleja, que o fora nos equipos infantil e cadete, mortos o pasado sábado nun fatal accidente de coche que conmocionou a toda a poboación do Barco e en particular a toda a familia do fútbol. Esta homenaxe farase extensiva á memoria de José Rodríguez “Prenda”, falecido o pasado día 27, que fora directivo do CD Barco en varias ocasións.

Por outra parte o equipo xuvenil desprázase ao Carballiño para xogar ás 12 horas contra o Arenteiro, un partido cargado de emoción para xogadores, corpo técnico e acompañantes, no que estará moi presente a lembranza dos dous compañeiros ausentes.

SMC

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng