Curso de linguaxe administrativa para o persoal dos concellos

26.01.09 14:24

Está prevista a presentación dun curso de nivel medio o luns 26 de xaneiro, ás 18.00 horas no instituto Lauro Olmo, e nel participan traballadores e traballadoras de diferentes concellos de Valdeorras.

O curso, convocado pola Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, está orientado á formación do persoal pertencente á administración local galega. Neste caso hai un total de vinte e cinco persoas inscritas, que desenvolven o seu labor profesional nos concellos de Petín (5), A Veiga (2), Rubiá (2), Vilamartín (1) e O Barco de Valdeorras (15). O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Barco de Valdeorras foi o responsábel da solicitude do curso, tramitada en xuño de 2008, e da xestión doutros aspectos organizativos, como a coordinación cos demais concellos da comarca para acadar a cifra mínima de solicitantes esixida na orde da convocatoria (DOG do 15 de maio de 2008). Malia que a resolución da convocatoria foilles notificada aos/ás solicitantes no mes de setembro pasado, a Dirección Xeral de Administración Local decidiu adiar o comezo do curso até o mes de xaneiro de 2009.

Ao longo das vindeiras semanas os/as asistentes han ter a oportunidade de revisar e actualizar diferentes cuestións relacionadas coa produción de documentos administrativos e a atención á veciñanza (oral e escrita) en lingua galega. O programa inclúe un achegamento aos aspectos básicos da lexislación sobre os dereitos lingüísticos; un repaso á normativa vixente do galego; a posta ao día da linguaxe empregada pola administración, coa redacción de modelos documentais máis sinxelos, claros e próximos á cidadanía; a superación de fórmulas obsoletas e discriminatorias, así como evitar a dependencia de modelos alleos; a modernización da propia imaxe dos concellos, etc.

Con esta medida dáselles continuidade ás actividades formativas organizadas polo servizo lingüístico do Concello do Barco, como a realización dun curso de linguaxe administrativa de nivel medio, impartido entre finais do ano 2006 e comezos de 2007, e que foi o primeiro destas características que tiña lugar na comarca de Valdeorras en máis dunha década. A seguir, entre os meses de outubro e novembro de 2007, desenvolveuse outro curso de linguaxe administrativa galega, de nivel superior.

SNL

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng