Comeza a Campaña de Animación á Lectura da Biblioteca Municipal

07.11.08 14:10

Este fin de semana dará comezo a campaña de animación á lectura programada pola Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán. Dous dos proxectos foron presentados polo alcalde, Alfredo García, o concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, e a técnico da biblioteca, Debora Alvarez.


O proxecto "Café con letras" sacará os libros da Biblioteca Municipal, e levaraos a seis cafeterías do Barco que se prestaron a colaborar. Nelas -A Pampa, A Maltería, o Cafetín, Principal e Zig-Zag- dispoñeranse estanterías, debidamente identificadas, nas que haberá libros de diferentes estilos e para distintas idades, pero coa característica común de que se trata de textos curtos ou de lectura rápida. Tamén se disporán revistas que a Biblioteca Pública do Barco ten habitualmente nas súas instalacións. Os usuarios poderán coller os libros mentres toman un café, e deberán deixalos ao terminar. En cada unha das estanterías haberá pequenas follas de enquisas, para que se valore esta campaña e as súas características.
Tamén se presentou, dentro da mesma campaña, o concurso "Unha xoia de castaña". Dirixida a nenos e mozos de entre 3 e 18 anos, o certamen conta con tres categorías, por idades, e premios para os mellores traballos. Os interesados deberán confeccionar unha xoia, con polo menos unha castaña, e acompañala cun escrito no que definan o traballo, as súas características e o que representa.
Durante a presentación, o alcalde, Alfredo García, recordou que o que se pretende con esta e outras iniciativas -hai moitos plans para os próximos meses na biblioteca- é que a lectura salga das paredes da biblioteca e chegue ao público en xeral e, especialmente, aos máis novos. Aínda que nesta ocasión a campaña redúcese a seis cafeterías, a iniciativa estará aberta, en futuras edicións, para que se adhiran outros locais intersados.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng