Os Maios preséntanse este ano con varias novidades

28.04.08 10:21

Os actos terán lugar pola mañá, haberá premios nas categorías de artísticos e enxebres e o público poderá xantar, nos postos habilitados na praza do Concello, que será cortada ao tránsito para a ocasión.

Grupo de nenos e nenas co seu maio nunha das festas dos últimos anos.

Grupo de nenos e nenas co seu maio nunha das festas dos últimos anos.

Este ano o Centro Comercial Aberto participa na organización da festa co que pretende darlle pulo á celebración. Pola súa parte a Comisión de Cultura e Turismo cambiou as bases do concurso para recoller os cambios suxeridos pola asociación de comerciantes. O Concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, salientou que todas as achegas son benvidas tratándose de incrementar a participación e de mellorar unha festa que o concello ven organizando desde o ano 1979.

Os actos darán comezo ás 10 da mañá cun anuncio de bombas de palenque e serán amenizados por grupos de gaiteiros e unha charanga. Ás 11.30 h. é cando se procederá a inscrición dos maios concursantes. Haberá tres premios por categoría, de 250, 200 e 150 euros, para cada un dos non premiados haberá un accesit de 50 euros. As coplas recibirán cada unha un premio de 200 euros. Haberá a maiores un premio do público que terá a opción de votar polo maio que máis lle guste. Todo elo nun ambiente de romaría ao que contribuirán a música, as coplas satíricas cantadas a coro, un posto de polbo e carne ao caldeiro, e varios de venda de produtos artesanais.

Os maios é unha celebración que se fai nalgunhas zonas do sur de Galicia coa que se festexa a despedida do inverno, a floración das plantas e a aparición dos primeiros froitos. Consiste na elaboración de formas e figuras recubertas de materia vexetal. Antigamente o maio era transportado a man percorrendo rúas e camiños, un neno cantaba, no seu interior, unha estrofa ou dicía un refrán que repetían os demais compoñentes do grupo dando voltas arredor.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng