CONCELLO DO BARCO DE VALDEORRAS
--
Que Visitar
O Mosteiro de Xagoaza
O visitante pode gozar, a poucos minutos do centro do Barco, dun lugar silencioso, recollido e con moito encanto. A cruz de Malta esculpida sobre a porta principal da igrexa de San Miguel (Século XII), recorda que foi lugar administrado pola Orde de San Xoán de Xerusalén. A porta sur e a ábsida semicircular, con fiestra xeminada e canzorros historiados, deixan constancia da orixe románica.
O Mosteiro é unha sobria construción do Século XVIII, convertida en moderna adega para a elaboración de viños de godello. Nas súas proximidades hai unha casa restaurada, cunha adega-cova escavada na rocha. Seguindo o río augas arriba chegaremos a un lugar cheo de maxia: unha rústica ponte dun arco ao pé das ruínas dunha acea, entre a mesta vexetación e o son das augas do río Mariñán.
A Vila do Castro
Ofrece unha ampla vista sobre a chaira na que se asenta O Barco. Destacan os restos da súa fortaleza, que pertenceu ao longo do tempo ás familias dos Castro, Pimentel e Sarmiento. Estes últimos eran os condes de Ribadavia e derradeiros señores da xurisdición de Valdeorras.
Tamén chama a atención a igrexa parroquial, a casa Carballo, con solainas entre arcos a dous niveis, e principalmente o pazo de Flórez. Data de 1630 e ten unha orixinal fachada con seis arcos de pedra vermella do país sobre o amplo soportal. Arestora está acondicionado como aloxamento turístico, conservando amoblamento, decoración e obras de arte orixinais. Tamén dispón, nunha palleira anexa, dun pequeno e curioso conxunto de carruaxes e aparellos de montar.
O Barco Vello ten o río e o antigo camiño real como referentes. A praza Maior, de forma triangular e aberta ao Sil, é o centro simbólico da Vila. Nela destaca a casa vermella do Casino (1910) con reminiscencias modernistas. Conflúe a praza no seu vértice coa igrexa parroquial de San Mauro (1927), onde comeza a rúa Escura ou de San Mauro, que baixa ao Porto da Barca, antigo embarcadoiro da lancha que unía O Barco con Viloira ata finais do século XIX.
A denominación Barco de Viloira é oficial ata 1660. A rúa Real ten casas de señorío, dúas delas con escudo, e outras máis modestas, como as da rúa de San Roque, nas que se aprecia a tipoloxía da construción tradicional. Pasando a vía do tren está a Casa de Río Cigüeño (séc. XVII) que foi cuartel e centro de represión na guerra civil. Arestora está rehabilitada para a promoción dos recursos comarcais (para o seu uso por entidades benéficas e culturais)
Tamén no municipio do Barco podemos visitar a localidade de Éntoma que ten unha ponte antiga sobre o río Galir, nunha das vías secundarias trazadas polos romanos. Recentemente restaurada, é parte do Camiño de Inverno a Santiago. Tamén nesta ruta xacobea, na poboación de A Proba hai unha pequena igrexa con sinais da arte románica no seu exterior.
O Camiño de Inverno entra no municipio do Barco precisamente por Entoma, y segue logo o seu percorrido polo centro urbano. Hai un pequeno albergue na localidade de Xagoaza.
Viloira, na marxe esquerda do Sil, conta cunha fermosa praza e coa Casa Grande (1637), espléndido edificio señorial que acolle os servizos comarcais da Xunta de Galicia. No seu interior está en exposición permanente a colección municipal Valdearte de arte contemporánear.
RUTAS TURÍSTICAS
Pincha en cada enlace para coñecer as rutas que se poden facer no concello:
Ruta da Pincheira
Rutas das Hortas
Ruta das Penas Marías
Ruta de Alixo
Ruta del Sil
Ruta Monumental
Ruta Rio Galir
ARREDORES DA COMARCA
Marcando os lindes da comarca coas Terras de Trives está a ponte do Bibei, fermosa obra romana que resiste o paso do tempo. Alí mesmo un par de miliarios sinalan o paso da Vía XVIII. Tamén a ponte da Cigarrosa, entre A Rúa e Petín, ten alicerces romanos, aínda que a súa espléndida feitura é medieval. Nunha casa pegada á igrexa de Santo Estevo da Rúa hai unha lápida dedicada a un patricio da etnia gigurri e, seguindo a N-120, en Montefurado os romanos fixeron unha apertura na montaña para desviar o río e extraer ouro das súas areas.
A Idade Media ten no castelo do Bolo un enclave sobranceiro. Vixía estratéxico que os reis lle cederon á nobreza, o castelo hoxe pode visitarse, e contén un pequeno museo sobre a vida no recinto amurallado e un miradoiro. Preto de alí hai que visitar o Santuario da Virxe das Ermidas, fastosa obra barroca levantada nun enclave de singular beleza.
Por último, saíndo do Barco pola antiga estrada de Ponferrada chegase á ponte de Sobradelo (Século XVII) que os guerrilleiros dinamitaron no seu arco central para conter o avance das tropas francesas en 1809. E pola mesma estrada, e a tan só 20 quilómetros do Barco, na veciña comarca do Bierzo, está a paraxe arqueolóxica das Médulas, antiga explotación aurífera de grandes dimensións e singulares formas que foi declarada Patrimonio da Humanidade.
ENLACES DE INTERESE
- Sede
Electrónica - Portal de
Transparencia - Perfil do
Contratante - O noso
Rueiro - Camiño de
Inverno - Suscríbete en
TokApp - Subvencións á
Cidadanía - Web
Turismo