Nadal_no_Barco. Parabéns!
Certame de fotografía, presentacións e vídeos dixitais para felicitar o Nadal na nosa lingua
BASES
A Concellaría de Cultura do Concello do Barco de Valdeorras, a través do Servizo de Normalización Lingüística e coa colaboración da aula de Informática do Concello, convoca un concurso de postais de Nadal en formato dixital, presentacións e/ou vídeos para impulsar uso da lingua galega no ámbito das novas tecnoloxías.
O tema do concurso é a elaboración de mensaxes para felicitar as festas do Nadal, Aninovo e Reis.
Os textos empregados estarán redactados ou gravados en lingua galega.
As imaxes, os vídeos ou as presentacións non poderán estar publicados nin premiados noutro concurso.
Formato
- Postais / fotografías:
As postais ou fotografías (en formato .jpg, .png, .gif, tif) deberán ser apaisadas (1 Mb máximo) e poderán ser reencadradas lixeiramente para adaptalas ao tamaño de publicación. Cada fotografía virá acompañada dun texto coa mensaxe para felicitar as festas cun máximo de 100 caracteres que axuden a contextualizar a imaxe.
- Presentacións / Vídeos:
Os traballos deberán ter unha duración curta (recomendamos entre un e dous minutos) e en ningún caso debe de superar os catro minutos. Formato flv a un tamaño de 320x240. A liberdade de creación é total, sempre que se axustar ao tema da convocatoria. Igual que para a modalidade de fotografía terase en conta a orixinalidade das propostas.Ficarán fóra de concurso aquelas creacións que poidan conter ofensas contra terceiros.
Forma e lugar de presentación:
Os traballos enviaranse por correo electrónico ao seguinte enderezo: cultura@concellodobarco.org, facendo constar no asunto da mensaxe “concurso nadal 08”. Publicación: cos traballos recibidos crearase unha galería para a súa publicación no sitio web do Concello (www.concellodobarco.org) e no taboleiro dixital do edificio Mulitiusos.
Identificación da autoría: os traballos enviados faranse chegar de xeito anónimo; a conta de correo remitente será o contacto co autor/a. No momento en que o xurado emita o seu veredicto a organización contactará cos autores/as para colocar o seu nome na galería creada para o efecto no web municipal para outorgarlle, de ser o caso, o premio que lle correspondese.
A data límite para a recepción dos traballos é o día 29 de decembro ás 14.00 h.
A decisión do xurado, e a súa composición, farase pública antes do 5 de xaneiro de 2009.
Premios: establécense 2 modalidades, a de postais-fotografías e a de presentacións-vídeos. Outorgaranse tres premios por cada modalidade.
- 1º premio: 200 euros en material relacionado coa imaxe e as novas tecnoloxías.
- 2º premio: 150 euros en material relacionado coa imaxe e as novas tecnoloxías.
- 3º premio: 50 euros en material relacionado coa imaxe e as novas tecnoloxías.
Non se entregará máis dun premio por participante.
11. Dereitos:
Os concursantes, polo simple feito de participar, autorizan o Concello do Barco a publicar na súa páxina web os traballos presentados, sen que isto dea lugar a dereitos de autor. Cada concursante contará cos necesarios permisos, no caso de que nos traballos aparezan persoas recoñecibles, e será da súa exclusiva responsabilidade calquera reclamación que puidese producirse en tal sentido. O Concello do Barco fará constar, a partir do momento en que se produza o ditame do xurado, a autoría de cada un dos traballos e poderá utilizar os que fosen premiados para a promoción das súas actividades relacionadas co Nadal e a promoción da lingua galega.
12. A participación neste concurso supón a aceptación total das presentes bases e o ditame do xurado que, ademais, queda facultado para dirimir calquera eventualidade non prevista nelas.