Johan Giral / Xoán Giral

Unha rúa da nosa vila leva o nome de Xoán Giral, persoeiro do que temos poucos datos. O primeiro que nos fala del é Augusto Quintana no seu libro Valdeorras, El Barco y el Nazareno (1969). A primeira referencia que dá do personaxe é a cita que aparece nun texto datado o 22 de maio do ano 1578. Por esta razón en 1978 celebrouse o IV Centenario da fundación da vila do Barco. No devandito documento dicíase aludindo a Xoán Giral: “(...) establécense sobre os seus bens e rendas 2.000 marabedís de renda anuais para as reparacións e a composición da ermida de San Roque”. Noutro documento vólvese citar a Xoán Giral, ao falar do hospital, onde di: “(…) 2.000 marabedís en que o dotou Xoán Giral, o seu primeiro fundador (…)”.

Augusto Quintana no seu referido libro escribe: “Este Xoán Giral, malia non ser ben coñecido, podémolo considerar como o verdadeiro e auténtico fundador do Barco. Isto non quere dicir que non houbese algún habitante por aquí antes de chegar el... mais todo canto puidese haber era nimio, sen importancia, dependente do veciño poboado de Viloira. Un día chegou aquí Xoán Giral. Era un home rico e influente. Procedía de Vilafranca. E sen que saibamos por que, gustoulle o lugar, namorouse del, e quedou á beira do Sil. Xoán Giral, un veciño máis dos seus, comezou a lles influír conciencia de si mesmos. Ergueulles unha ermida que por devoción especial dedicou a San Roque. Outro día Xoán Giral construíu un hospital, pequeno e pobre. Aquilo uniu as xentes. Fixo sentírense un por primeira vez. Xa tiñan algo en común. Así naceu algo indefiníbel, sutil e forte ao tempo. A alma dun pobo novo. Xoán Giral foi o autor deste nacemento. Case non sabemos quen era. Mais eu non dubido en lle chamar así: o fundador, polo menos no aspecto formal da poboación, que agora realmente se iniciaba”.

Isto escribía Augusto Quintana en 1968. No documento citado do ano 1578, ao falar da ermida dise “para as reparacións e a composición”, polo que é razoábel deducir que levaría xa varios anos construída. Por outras pescudas do propio Quintana sabemos que hai citas do Barco anteriores á data sinalada. En documentos estudados por min, entre outros o chamado “Padrón dos marabedís da fieldade de Santa Mariña” (O Barco pertencía daquela á fieldade de Santa Mariña) correspondente ao ano 1537, cítanse algúns habitantes do Barco e entre eles aparece “Xoán Giral, vinte e cinco reais”.

Pódese asegurar por todo isto que O Barco xa existía a comezos do século XVI.

Ángel Fernández Fernández
(presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses)

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng