Viloira (San Martiño)
A localidade de Viloira, unida ao centro urbano do Barco por medio da ponte sobre o río Sil, suma un total de 856 habitantes. Sen este núcleo de poboación, que experimentou un importante crecemento nas últimas décadas, non se podería entender a existencia da propia vila do Barco. Para algúns historiadores a orixe do topónimo está en Villa aurea(m), asociada aos abondosos aproveitamentos auríferos da conca do Sil. Da presenza romana é tamén testemuña unha ara votiva atopada en 1970 no leito do regueiro Valado, dedicada ao deus indíxena Tileno e hoxe depositada no edificio Mulitusos do Concello. Entre os seus elementos de interese cómpre salientar a Casa Grande, magnífico pazo de 1637 que pertenceu á influente familia dos Quiroga, cos seus elegantes e apracíbeis xardíns hoxe abertos para o deleite de toda a veciñanza, a praza de Ramón Otero Pedraio (o antigo Toural da feira), ou a igrexa parroquial de San Martiño, coa súa fachada en pedra vermella do país.
A parroquia de Viloira celebra as súas festas patronais en xuño, a Outava do Corpus -segundo a denominación local- con data variábel no calendario. Tamén mantén a referencia festiva ao santo titular o 11 de novembro, o popular San Martiño, coa festa do Magosto que se celebra en toda a comarca para a degustación das castañas asadas ou bullós, froito que os soutos valdeorreses producen en cantidade e calidade, acompañadas de viño novo e chourizos asados. Recoméndase non deixar de facer unha visita á feira, os días 6 de cada mes, onde poderemos atopar unha gran variedade de artigos, ademais da parada de rigor nun dos postos de polbo para saborear un prato deste delicioso produto.