O Barco: Veigadecabo, Viloval (San Amaro ou San Mauro)

Rúa e Igrexa de San Mauro

As primeiras referencias documentais á parroquia do Barco sitúannos nos comezos do século XVI, aínda que a actual advocación é posterior. O Barco primitivo aparece nos textos ligado á ermida erguida na honra de San Roque, que foi a primeira parroquia da vila e que os historiadores sitúan no barrio do mesmo nome, nun punto achegado ao cemiterio municipal. A actual parroquia de San Mauro (dende 1721), denominada orixinariamente de Santo Amaro (1606), é o resultado da expansión polas áreas circundantes do pequeno núcleo urbano formado ao redor do templo parroquial e o Porto da Barca, a praza Maior, a rúa Real coa súa continuación de San Roque, a rúa Escura e mais a rúa Nova e A Tafona. Até a segunda metade do século XVII mantén a denominación do Barco de Viloira, mostra da estreita vinculación nas orixes da nova vila co núcleo de poboación da outra beira do río.

Pertencente á mesma parroquia có núcleo urbano, Veiga de Cabo aséntase na estrema da chaira do Barco, ao pé do pequeno outeiro coñecido como O Tesiño, onde comeza a subida en dirección á vila do Castro e Outarelo. Esta aldea hoxe está definitivamente conectada co centro da vila a través da zona de expansión urbana do Chao. Atravesada polo regueiro de Forcadela, Veiga de Cabo xunta 79 habitantes que se reparten polos barrios denominados O Fondo do Lugar e O Pico do Lugar.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng