Alixo: Raxoá (San Martiño)

Igrexa de San Martiño

A parroquia de San Martiño de Alixo reúne un total de 86 habitantes, asentados nas aldeas de Alixo -que integra os lugares de San Martiño, O Castro de Alixo, O Curral e Barbadá- con 52, e Raxoá onde moran 34 persoas. Esta parroquia está fortemente marcada pola súa altitude, entre os 700 e os 800 m e a pouca distancia do núcleo urbano do Barco, o que lle dá un carácter de espléndido miradoiro sobre o val, dende o que se pode enxergar a totalidade do concello e boa parte da comarca de Valdeorras. Situada ao abeiro do monte Miradeiro, é tamén un lugar acaído para realizar interesantes excursións en dirección á Serra do Eixe. Deste xeito podemos saír da aldea atravesando as terras de Costumiaz, coa lembranza posta nas faceiras de pan, parar un anaco a coller folgos na fonte de Franciroña e achegarnos até a parroquia de Domiz, no veciño concello de Carballeda, que albiscamos rodeada de magnifícos soutos e leiras ben coidadas, dende a baixada do camiño da Cruz até O Lobeto.

Alixo celebra as súas festas o doce de outubro, o Pilar. Mantén en uso e bo estado de conservación un forno comunal e un lavadoiro.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng